Blanco Torres, Roberto
Xornalista e poeta. Non fixo máis estudios que os primarios, pero as inquietudes sociais, políticas e sobre todo culturais do pai, e a instrución da nai fixeron alicerzar nel unha sólida formación autodidacta e un gusto máis que notable pola cultura clásica greco-latina, moi perceptible no seu estilo prosístico e na súa inspiración poética. Aos 15 anos emigrou a Cuba tralos pasos dos seus irmáns maiores. Se o ambiente familiar definiu en Blanco Torres un primeiro factor biográfico singular -o autodidactismo cultural-, a experiencia cubana determinou a súa complicidade coa causa agraria, o que deseñou xa o seu estrato ideolóxico fundamental. En La Habana, entrou en íntimo contacto cos intelectuais e artistas da colonia galega e coa súa rica actividade societaria (Curros, Waldo Álvarez Insua, Ramón Cabanillas, Basilio Álvarez, Antón Villar Ponte, Nan de Allariz, Xosé Fontenla Leal, Virxilio Blanco Garrido, Xulio Sigüenza, Mercedes Vieito Bouza, Ricardo Fortes e Chané, entre outros) e desenvolveu unha precoz e constante actividade xornalística e literaria nos diversos medios da colonia. Os seus primeiros poemas publicáronse por estes anos: “Dous toliños” (Follas Novas, 29.11.1907), “O amor” (Follas Novas, 15.12.1907), “Anacos” (Suevia, 17.11.1910). Con apenas 21 anos fundou o semanario La Alborada, Órgano de la colonia gallega en Cuba e, despois, en 1915, outro semanario La Tierra Gallega; colaborou con artigos en castelán en revistas como Follas Novas, Suevia, Santos e Meigas, Galicia ou Vivero en Cuba, asinando moitas veces co pseudónimo de Fray Roblanto. Nesta época pertenceu á Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega. Retornou a Galicia en 1916, incrementando a actividade xornalística, como director, redactor ou colaborador (El Noroeste, Galicia Nueva, Heraldo de Galicia, Faro de Vigo, Nós,Vida Gallega), sen deixar de colaborar na prensa da emigración, especialmente en Galicia e Eco de Galicia. Pero foi A Nosa Terra un dos medios máis significados na súa traxectoria xornalística. Malia non estar no seu núcleo fundacional, Roberto representou un dos nomes que fixeron posible a existencia do xornal, con outros como os de Antón Villar Ponte, Lois Porteiro Garea, Xoán Vicente Viqueira, Vicente Risco, Evaristo Correa Calderón, Lois Peña Novo, Víctor Casas, Leandro Carré ou Ramón Cabanillas. As súas colaboracións en A Nosa Terra, integramente en lingua galega, abranguen dende 1917 ata 1931 e, malia ser maiormente de carácter político e social, hai tamén poemas como “Panteística”, “O neno”, “A Manuel Antonio” (con motivo da súa morte), e artigos de crítica literaria. Integrouse plenamente no movemento que, de man principalmente de Antón Villar Ponte, estaba mutando o rexionalismo finisecular no nacionalismo das Irmandades. Residindo entre Cuntis, A Coruña, Pontevedra e Ferrol, participou activamente nas primeiras asembleas das Irmandades (Lugo, 1918; Compostela, 1919; Vigo, 1921; Monforte, 1922). En 1920 trasladouse a Ferrol para dirixir El Correo Gallego, renunciando en agosto de 1921. Volveu a Ourense para incorporarse como redactor-xefe a La Zarpa, o xornal agrarista de Basilio Álvarez, e, en ausencia deste, exercer de director. Tamén colaborou en varios xornais de Madrid, como El Heraldo, El Liberal ou El Sol, ou de Barcelona, como La Calle. E continuou a escribir versos, publicando en Alborada. Militou no galeguismo, dentro da nova dirección da Irmandade Nazonalista Galega que presidía Risco. Desde 1924 residiu en Vigo, onde presidiu a Asociación da Prensa de Vigo, converténdose en redactor-xefe da publicación Galicia. Logo de suspensións temporais e problemas coa censura da Ditadura de Primo de Rivera o xornal cesou, incorporouse entón como redactor-xefe a El Pueblo Gallego. Un enfrontamento ideolóxico co propietario, Portela Valladares, sinalou a súa saída do xornal e o inicio dunha campaña de desprestixio á que aquel respondeu cunha denuncia por inxurias. Absolto en primeira instancia, foi condenado a dous anos de desterro e a unha multa, polo que decidiu retirarse á Peroxa, na casa familiar da muller. En 1929 apareceu en Nós o seu poemario Orballo da media noite. En xaneiro de 1930, Jacinto Santiago, Álvaro de las Casas, Cándido Fernández Mazas e Otero Pedrayo, coa desculpa da súa saída, promoveron un banquete que se converteu nun acto de desagravio ante a condena. A finais de 1930, tamén en Nós, viu a luz unha escolma das súas crónicas periodísticas que titulou De isto y de lo otro, pola diversidade de asuntos que trata. Outras obras en preparación, como a novela La estrella lejana e o ensaio Tres discursos á mocidade galega, non verían a luz. Mentras tanto, participou no xermolo da Asociación de Escritores Gallegos, regresou ao xornalismo ourensán como director de La República e concorreu sen éxito como candidato republicano nas eleccións a Cortes Constituíntes de 1931. Nos primeiros anos da Segunda República deixou temporalmente o xornalismo en favor da vida pública, converténdose en gobernador civil de Palencia entre xaneiro e xuño de 1932. En 1933 aceptou dirixir o xornal coruñés El Noroeste, continuou as súas colaboracións na prensa galega e española, e foi procesado por un artigo no madrileño El Liberal, sendo absolto. En 1935 converteuse en director do xornal pontevedrés El País e en 1936 participou no retomado proxecto da Asociación de Escritores Gallegos. Trala vitoria electoral da Fronte Popular (febreiro 1936), nomeárono xefe do gabinete de prensa do Ministerio de Gobernación. O 18 de xullo produciuse o levantamento franquista contra o goberno democrático da República e decidiu retornar á Peroxa. A causa da represión desencadeada polo golpe franquista foi detido nos remates do mes e trasladado á prisión provincial de Ourense, onde permaneceu todo o mes de agosto e setembro. Na madrugada do 2 de outubro apareceu “paseado” en Entrimo, nunha gabia da estrada de Ourense a Portugal, lugar de Corga da Videira. Como poeta, ademais de poemas dispersos e algunha tradución, foi autor dun único libro Orballo da media noite (1929), que a crítica adoita incluír na Xeración de 1922, malia estar próximo en idade ao grupo Nós. Consta de 31 poemas, divididos en dúas partes desiguais. No seu momento gozou dunha excelente acollida que converteu a inicial sorpresa en posterior admiración. Nas primeiras recensións de Sigüenza e Risco, e aínda nos estudiosos contemporáneos, xa é lugar común falar de dúas liñas fundamentais: poesía conceptual e filosófica na primeira parte e poesía civil na segunda, onde perdería a orixinalidade inicial. É destacable o diálogo intertextual coa tradición clásica grecolatina: Virxilio, Hesíodo, Platón, Aristóteles, Esquilo ou a sátira de Xuvenal e Persio, así como a pegada das lecturas filosóficas, sobre todo de Nietzsche e Unamuno. Menor é o influxo da poética galega, malia os ecos de Cabanillas, Curros Enríquez, Amado Carballo ou da corrente neopopularista de preguerra. En conxunto, caracterízase polo sincretismo, ao xuntar trazos tradicionais e renovadores, como as imaxes vagamente futuristas ou irracionalistas xunto cun léxico anovador e infrecuente de ámbitos urbanos e terminoloxía burocrática ou tecnolóxica. E todo iso nunha gran plurixenesia formal, onde é evidente o predominio do verso medido, feito que contradí a valoración crítica de que tiña unha escasa preocupación musical. Tan só nos textos máis culturalistas decaeu o ritmo, ao botar man dunha sintaxe difícil, con moitos hipérbatos. En 1999 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santa María dos Baños, Cuntis -
Deceso
Lugar : Entrimo