Blanes

Blanes

Municipio da provincia de Girona, Catalunya, situado no treito do litoral mediterráneo que recibe a denominación turística de Costa Brava (27.713 h [1996]). A súa economía, tradicionalmente baseada no sector primario, e máis en concreto na agricultura e na pesca, experimentou na segunda metade do s XX unha transformación cara a unha especialización turística, debido á explotación dos seus recursos naturais, principalmente as praias. Dende finais do s XIX adoptou un carácter de residencia estival para as familias burguesas de Barcelona e doutras cidades catalanas. O desenvolvemento deste sector turístico contribuíu a que a súa poboación medrase máis dun 560% dende 1920. O seu porto, que foi un activo centro de comercio con América, reconverteuse cara ás actividades deportivas náuticas. A igrexa de Santa María, mencionada xa no 974 como posesión monacal, pasou no 1058 ao bispado de Girona. No 1319 converteuse en parroquia. O castelo de Blanes pertencía aos vizcondes de Girona, subinfeudado á familia Blanes. No 1260 a vila de Blanes recibiu a carta de poboamento. Durante a Guerra dels Segadors (1652) foi atacada pola artillería do marqués de Mortara. Tamén sufriu en diversas ocasións os ataques franceses (1657, 1694 e 1697). Durante a Guerra de Sucesión apoiou a causa austracista. No s XVIII foi reconstruída a igrexa, na que destacaba o retablo barroco do altar maior, destruído en 1936, ao principiar a Guerra Civil española.