blasquismo
(< antropónimo Vicente BlascoIbáñez)
Movemento político republicano do País Valencià constituído ao redor da figura de Vicente Blasco Ibáñez e o seu diario El Pueblo. Adquiriu protagonismo a raíz do derrubamento definitivo do federalismo de Pi i Margall. Blasco Ibáñez evolucionou desde un inicial republicanismo “revolucionario”, de clara ascendencia zorrillista -preconizador da violencia e que rexeita os medios legais- ata unha liña máis conservadora, influída por Alejandro Lerroux. A retirada de Blasco Ibáñez da política activa (1908) significou o ascenso ao liderado do grupo de Félix Azzati Descalci. Azzati mantivo a ambigüidade doutrinal do seu grupo ante a emerxencia crecente do anarcosindicalismo valenciano e, a partir de 1910, iniciou unha liña independente do Lerrouxismo. Despois da paralización que representou a ditadura do xeneral Primo de Rivera e trala morte de Azzati (1929), o partido reorganizouse baixo a dirección de Sigfrid Blasco Ibáñez, que acentuou o carácter socialmente conservador do grupo e volveu novamente á convivencia co radicalismo lerrouxista. A proclamación da Segunda República española significou a fin do blasquismo, aínda que nas eleccións lexislativas de novembro de 1933 conseguiu unha destacada vitoria.