Blois
Capital do departamento de Loire Cher, en Orleans, Francia, situada á beira do río Loire (49.318 h [1990]). É un núcleo industrial e turístico da ruta dos castelos do Loire. Entre os seus monumentos destacan o castelo, construído en diversas etapas, a igrexa gótica de Saint-Louis (s XVI, reconstruída no s XVII), a ponte sobre o Loire (1717-1724) e a basílica de Nôtre Dame da Trinité, construción moderna (1949), obra de Paul Rouviére. Blois corresponde á antiga Blaesum, nomeada por primeira vez por Gregorio de Tours no s VI. En Blois tiveron lugar os estados xerais do 1576 e do 1588. A revogación do Edito de Nantes (1685) repercutiu na vida económica da cidade pois moitos dos seus comerciantes e homes de negocios eran protestantes. En 1814, a Emperatriz María Luísa, convertida en rexente, trasladou alí o goberno. Foi ocupada polos alemáns durante a guerra franco-prusiana do 1870. Conserva o castelo que foi construído polos condes de Chantillon (s XIII) e polos duques de Orleans (s XV); posteriormente, foi ampliado en tempos de Luís XII e Francisco I, e xa no s XVIII, Mansart construíu unha nova ala.