blues*

blues*
s m [MÚS]

Xénero poético-musical do folclore negro americano, de temática persoal e case exclusivamente en lingua inglesa. Desenvolveuse no sur dos EE UU trala Guerra de Secesión e ten influencias da música relixiosa branca, das cancións de traballo e, por outra banda, das cancións africanas na tonalidade. O blues procedente do folclore negro rural é posterior aos cantos de traballo (work songs) e aos cánticos negro-espirituais. Os blues primitivos, de forma predominantemente vocal, utilizan a estrutura das baladas anglosaxonas. Normalmente o blues trata os problemas amorosos, a opresión e o traballo mal pagado, predominando os sentimentos de desesperación, dor e melancolía. O blues clásico, contemporáneo do ragtime, consta de tres versos: os dous primeiros repetidos, e o terceiro, que rima cos dous anteriores, completa o sentido. Esta frase repetida incorpórase en forma de riff no jazz instrumental. Musicalmente consta de tres períodos AAB, de catro compases, nos que dous son ocupados polo texto e dous por unha resposta vogal ou instrumental. Durante as interrupcións (breaks), os intérpretes cantan ou improvisan coa guitarra, instrumento habitual dos cantantes de blues. Máis tarde, pequenas bandas ou orquestras acompañaban o blues, que adquiriu un carácter marcadamente instrumental. Nos anos trinta apareceu un tipo de blues, chamado rhythm and blues. Estas diferentes formas de blues coexistiron a miúdo. O modo melódico vén determinado polas blue notes. Este xénero musical influíu notablemente na música popular inglesa e norteamericana. As primeiras referencias datan da última década do s XIX e as primeiras gravacións son dos anos 20. Entre os bluesmen máis destacados cómpre destacar a Ma Rainey, Bessie Smith, Big Bill Bronzy e Blind Lemon Jefferson, entre outros. Na literatura galega hai obras relacionadas con este xénero como: Lugo Blues (1987), de Claudio Rodríguez Fer ou Costa da morte blues (1995), de Manuel Rivas.