Boán
Liñaxe natural do lugar de Boán, en Chantada. Entroncou con ilustres familias de Galicia e pasou a Castela, Andalucía e América, establecéndose en Perú. Como apelido comeza a ser coñecido a finais do XVI; relaciónase tamén coa caste dos Buján. As súas armas levan, en campo de sinople, unha muralla rota por dúas partes e batida por ondas de azul e prata; sobre a muralla unha coroa de ouro superada dunha aguia coas ás despregadas e bicéfala, da súa cor natural, picada e armada de ouro; entre as dúas cabezas da aguia, a palabra Boán de ouro; bordo de azul, con oito flores de lis, de ouro. Outra variante é un escudo cortado: no alto, en campo de azul, un sol, de ouro sobre ondas de azul e prata e no baixo, en campo de sinople, unha muralla de prata superada por unha aguia de prata, bicéfala sobre a que aparece o nome Boán, de ouro.