Bocage, José Vicente Barbosa du

Bocage, José Vicente Barbosa du

Zoólogo. Estudiou Medicina na Universidade de Coimbra. En 1849 entrou na Escola Politécnica de Lisboa como profesor de Zooloxía e reorganizou e desenvolveu o Museo Nacional de Lisboa (Museo Bocage), onde estableceu importantes coleccións científicas e dende onde organizou o ensino e a investigación no eido da Zooloxía en Portugal. En 1863 foi nomeado membro estranxeiro da Zoological Society de Londres. En 1865 describiu a esponxa Hyalonema lusitanica, recollida fronte ás costas portuguesas, que constituíu a primeira proba aceptada pola comunidade científica da existencia de vida abisal. Describiu máis de 200 especies animais novas, entre as que se atopa a salamántiga endémica galega Chioglosa lusitanica (1864), aínda que a maioría pertencían ás colonias portuguesas, particularmente ás africanas. Entre as súas numerosas publicacións, cómpre destacar Memoria sobre a cabra montez da Serra do Gerez (1857), Liste des mammifères et Reptiles observés en Portugal (Lista dos mamiferos e réptiles observados en Portugal, 1863), Ornithologie d’Angola (Ornitoloxía de Angola, 1881) e Herpéthologie d’Angola et du Congo (Herpetoloxía de Angola e do Congo, 1895). Como recoñecemento á súa contribución á Zooloxía, varios autores dedicáronlle a descrición de novas especies, como foi o caso de Seoane que denominou Podarcis bocagei á lagartixa galega.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Madeira

  • Deceso

    Lugar : Lisboa