Boecio
Filósofo, teólogo e escritor latino. Da antiga familia dos Anicii, recibiu unha boa formación clásica. Entrou despois ao servizo do poder ostrogodo, e chegou a ser cónsul e magister palatii do Rei Teodorico ata que, acusado de traizón, foi encarcerado en Pavia e executado. Na alta Italia venerouse como mártir dende o s VIII. Pensador ecléctico e bo helenista, traduciu e comentou os escritos lóxicos de Aristóteles, a Isagoge de Porfirio e os Tópicos de Cicerón. Cómpre subliñar en relación estrita cos escritos lóxicos, os retóricos titulados De rhetorica cognitione (Sobre o coñecemento retórico) e Locorum rhetoricorum distinctio (A distinción dos apartados da Retórica), que se insertan xunto con aqueles, na tradición do trivio. Traduciu tamén os Elementos de Euclides, e escribiu tratados de Aritmética, Xeometría, Astronomía e Música; dos que se conservan De institutione arithmetica (Sobre a disposición aritmética) e De institutione musica (Sobre a disposición musical), que alimentaron durante moitos séculos o ensino do cuadrivio, sobre todo das Matemáticas, e influíu no desenvolvemento da música na Idade Media. Entre os seus escritos teolóxicos, o máis importante é De unitate Trinitatis (Sobre a unidade da Trindade). A súa obra máis coñecida é De consolatio philosophiae (Sobre o consolo da filosofía), que escribiu en cinco libros, en prosa e verso, mentres estaba na cadea. É un diálogo literario, onde a Filosofía, representada alegoricamente en forma de matrona nobre, consola a Boecio na súa desgracia. A obra, moi lida na Idade Media, suscitou un bo número de comentarios, imitacións e traducións. Boecio foi un intermediario privilexiado entre o mundo clásico e o mundo medieval.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Roma