Bohemia
Rexión da Europa central que constitúe, xunto con Moravia, a República Checa (52.769 km2; 6.288.356 h [1991]). Está formada polas provincias de Bohemia Central, Bohemia Oriental, Bohemia Setentrional e a capital, Praga.
Xeografía
Constituída polo macizo de Bohemia, o macizo herciniano máis grande de Europa, e, ao NO, polos macizos eruptivos de Doupovské e České Strědohří, orixe de numerosas fontes termominerais. Bohemia forma unha conca hidrográfica regada polo curso superior do Elba (Labe), o Ohře e o Vltava. Ten un clima continental. As montañas están cubertas de bosque, do que se aproveita a madeira. A agricultura está moi desenvolvida nos vales dos ríos. O carbón das concas de Kladno-Rakovník, Plzeň e Žacleř, e os lignitos da fosa tectónica do NO, xunto co ferro dos montes Metálicos, deron orixe ás industrias metalúrxicas e mecánicas. As areas de cuarzo dos vales dos ríos Ohře, Bílina e Luzická Nisa, e os caolíns da conca de České Budějovice deron orixe ás industrias do vidro e cristal e da porcelana. No s XVI, Gaspard Lehmann realizou as primeiras probas de talla sobre o cristal, e no XIX presentáronse en Praga un novo tipo de cristais de cor, pintados e dourados, que foron imitados en Francia e Gran Bretaña. As principais poboacións da rexión son Praga, Ústí nad Labem, Plzeň, České Budějovice, Hradec Králové e Karlovy Vary e Mariánské Lázně. É a zona máis poboada e desenvolvida do país e ocupa unha posición estratéxica primordial en Europa.
Historia
A historia de Bohemia resulta inseparable da do seu principal soporte étnico, o pobo checo e a Coroa de Bohemia que aglutinou as rexións de Europa central, Bohemia, Moravia, e unha pequena parte de Silesia. Estas rexións, á parte do núcleo epónimo do Reino de Bohemia ou Bohemia propiamente dita, formaron un estado dinástico de base nacional, chamado Coroa de Bohemia, que constitúe a expresión histórica da personalidade política do pobo checo. Os primeiros habitantes coñecidos de Bohemia foron os bois, de orixe céltica, e que deixaron o seu nome na rexión. No s VI intensificouse a penetración das tribos eslavas, entre as que prevalecía a dos checos. Bohemia sufriu a dominación dos ávaros; no século lX dependía da Gran Moravia e recibiu o Cristianismo. Trala desaparición da Gran Moravia (cara ao 907), Bohemia seguiu a sorte de Moravia que se consolidara politicamente; no 975 fundouse o bispado de Praga. A dignidade real non quedou definitivamente establecida ata Otakar I (1198). A dinastía dos premíslides desapareceu a comezos do s XIV, substituída pola de Luxemburgo (1310). Carlos IV (1346-1378) anexionou a Baixa Lusacia, Brandenburgo e novos ducados de Silesia; promulgou a Bula de Ouro (1356), que convertía o Rei de Bohemia nun dos sete electores do Imperio. Durante o reinado de Wenceslao VI (1363-1419) desencadeouse a guerra civil entre os checos e os alemáns; a resistencia eslava contra a dominación xermánica iniciou o espertar da conciencia nacional checa, primeiro baixo a forma do movemento husita de reforma relixiosa -dirixida por Xan Hus e Xerome de Praga-, e despois con carácter de movemento popular. Ao rematar a guerra, e a causa das diferencias relixiosas cos nobres católicos, a coroa outorgóuselle aos Jagellóns de Polonia, que reuniron as coroas de Hungría e de Bohemia. Esta última estaba constituída ao final da Idade Media pola Bohemia estrita e os “países socios”: Moravia, Silesia e Lusacia. A partir de 1526 reinou a dinastía dos Habsburgo -no poder ata o 1918- polo matrimonio de Ana Jagellón. A expansión do Protestantismo desencadeou a guerra dos Trinta Anos (1618-1648) entre católicos e protestantes de toda Europa. Os nobres de Bohemia alzáronse contra o Rei Fernando II (Defenestración de Praga, 1618), e destituírono. Non obstante, este conseguiu derrotar os protestantes na batalla do Monte Blanco (1620). Durante a segunda metade do s XVIII e a primeira do s XIX foron frecuentes as revoltas dos labregos de Bohemia, afogados polas tropas austríacas (1775-1821). O proletariado promoveu diversos alzamentos, como o de Praga de 1844. O primeiro movemento revolucionario que no 1848 promoveu Austria tivo lugar en Praga. Ao organizarse o dualismo constitucional austro-húngaro, Bohemia quedou sometida igualmente a Austria pola Constitución de decembro do 1867. Nas últimas décadas do s XIX, Bohemia converteuse nun país industrial importante, pero, malia a loita contra o dominio austríaco, a burguesía checa non quixo romper coa monarquía dos Habsburgo porque temía perder o mercado austro-húngaro. No 1879 impúxose o goberno conservador de Eduardo Taaffe, que conquistou os checos ofrecendo ao barón de Prazak un ministerio no goberno central de Viena. Baixo o goberno Taaffe, a lingua checa foi admitida na administración oficial e nos tribunais de xustiza (1880), e os checos obtiveron o restablecemento da Universidade de Praga (1882). Pronto, a colaboración checa foi superada por un enfrontamento político aberto dende o 1893 entre os vellos checos (Palacky e Rieger) e os checos máis novos (Gregr e Harold). A raíz da guerra europea do 1914-1918, iniciouse unha ampla campaña polos países aliados, na que participaron os líderes nacionais Tomás Masaryk e Eduardo Benés, que no 1918 conseguiron a formación e o recoñecemento da República Checoslovaca, na que queda integrada Bohemia cun papel predominante. Tralo afundimento da URSS (1991), Checoslovaquia escindiuse en dous estados en decembro do 1992, Eslovaquia e a República Checa, da que Bohemia pasou a formar parte.