boi

boi

(

    1. s [ANIMAL]

      Macho das especies da subfamilia dos bovinos, de ata 2 m de longura e 1,5 m de altura en cruz, de cabeza grande e maciza, con cornos puntiagudos (se ben hai formas mochas), arqueados cara a arriba e potentes. Ten a pel cuberta de pelo curto, de cor diversa (negra, castaña, etc) e manchada. O seu carácter agresivo obriga a castralo para facelo apto para os labores agrícolas, e destínase sobre todo a semental. A necesidade de castrar a maior parte dos individuos co fin de obter un rendemento como animais de tiro, de labor ou para carne fai que, no uso común, a palabra boi se especialice neste sentido e que touro sexa empregado para designar o boi non castrado. O boi está representado por numerosas razas, repartidas por todos os continentes. En Galicia distínguense entre as razas rubias e morenas, e entre estas últimas diferéncianse a raza cachena, a caldelá, a frieiresa, a limiá e a vianesa. As representacións máis antigas do boi son obra dos artistas paleolíticos, que o representaron cando aínda vivía en estado salvaxe. Da época neolítica (VI milenio a C) datan as cabezas de boi, modelados con arxila e provistos de cornos naturais, atopadas en Çatal Hüyük (Anatolia). Semella que este animal, xunto co macho cabrún, ambos os dous xa domesticados, tivo un papel importante na relixión das primeiras colectividades organizadas, como símbolo de fecundidade. Outrora o boi simbolizou, nas relixións mesopotámicas, a forza viril. Na India o seu culto acadou unha grande importancia, sobre todo no val do Indo. Tamén foi un dos animais sagrados das sociedades mediterráneas: en Creta, Exipto, Grecia e Roma desempeñou un papel sobranceiro nas cerimonias relixiosas. Os xogos de bois característicos da etnografía mediterránea tamén teñen unha antiga orixe ritual, e hainos que aínda perduran. Entre eles, o de orixe castelá, con morte cruenta do animal, tomou a forma de espectáculo nas denominadas corridas. En Galicia celébranse unha serie de festas populares que teñen como protagonista ao boi. En Galicia a máis popular é a Festa do Boi, na vila de Allariz, celebrada todos os anos dende a súa recuperación en 1982, a principios de xuño. A festa é a herdanza dunha tradición única e singular de máis de seis séculos de antigüidade, que consiste na saída dun boi polas rúas de Allariz, aviso feito por unha ducia de bombas de palenque, indo ao mando do animal os homes do sedeño e o señor da aguillada, que o conducirán, mentres a xente vai correndo diante ou detrás del, pero sen ningún ánimo de maltrato. A súa orixe parece estar na reivindicación do rito cristián fronte ao xudeu, cando un nobre fidalgo, Xan de Arzúa, para se vingar das mofas das que eran obxecto os cristiáns por parte dos xudeus, decidiu alugar un boi nas datas do Corpus para botárllelo polas rúas co fin de que non se burlasen máis dos seus ritos. A tradición do boi nace no Xoves de Corpus do 1317 na praza do Eirado. Os hebreos, que vivían na vila en gran número, reúnense ao pé da igrexa de San Pedro para, de xeito irreverente, burlarse dos actos católicos que se ían celebrar. De socate, montado sobre un gran boi que guiaban seis criados, aparece a figura dun home de fortes principios relixiosos, Xan de Arzúa que, lanzando cinsa e formigas contra os xudeus, aguilloaba o boi cara aos hebreos que tiveron que fuxir pola rúa do Hospital esquecendo as súas intencións de escarnio. Para conmemorar o escarmento, nos anos posteriores Xan de Arzúa corre o boi entre a multitude allaricense e, logo da súa morte, o pobo de Allariz segue o costume idolatrando a figura do fundador desta tradición. Ao longo dos anos a celebración sufriu evolución e mediado o século XIX déixase de correr o boi durante as procesións do Corpus constituíndo, no día de hoxe, unha atractiva festa popular onde o animal persegue os sorprendidos visitantes para goce dos moradores da vila e coñecedores do pasado.

    2. s m [ALIM]

      Carne moi apreciada e saborosa, de cor vermella intensa, flexible, cunha graxa entre branca e amarela. A súa utilidade nas tarefas agrícolas valeulle na Antigüidade un gran prestixio, aínda que era a propia escaseza de gando bovino que tiñan os pobos do Mediterráneo o que os apartaba das mesas. So aos atletas, nos tempos dos gregos, lles estaba permitido comer carne de boi, polo seu poder alimenticio. Nos pobos do norte de Europa, en Francia e sobre todo en Gran Bretaña, a patria do bisté (e dende onde chegou a América), si se consumía carne de boi, que é a carne coa que se preparan algúns dos manxares como o chateaubrian, o turnedo, o rosbif ou o steak tártaro. En calquera caso é importante a calidade da carne, que dependerá do ben cebado que estivese o animal, da raza e da idade que tivese no momento de ser sacrificado, considerándose o momento óptimo cando ten entre tres anos e medio e catro anos. Unha vez morto precisa uns quince días no frigorífico para adquirir esa cor vermella escura que o caracteriza.

    3. boi almiscreiro [Ovibos moschatus, Fam dos bóvidos] [ANIMAL]

      Mamífero ruminante da subfamilia dos bovinos, de grandes dimensións (ata 2,50 m de lonxitude e 1,20 m de altura na cruz), con pelame castaño ou mouro, laúdo e longo ata as patas, e grandes cornos aplanados, dirixidos cara a abaixo e arqueados cara a arriba diante dos ollos. Vive na tundra de Grenlandia e da América ártica, e extinguiuse recentemente en Alasca. Orixinariamente europeo, reintroduciuse en estado salvaxe en Noruega, Spitzberg, Suecia e Islandia.

    4. boi das vacas/de parada/de posto

      Boi semental.

  1. s m [ANIMAL]

    Crustáceo mariño da orde dos decadópodos, de cacho groso con forma ovada e superficie pouco rugosa, de ata 20 cm de longo e 30 de ancho. Dotado de grosas pinzas no primeiro par de patas, é de cor entre rosa e castaña no dorso e tirando a branca no ventre. Os individuos novos viven nas rochas litorais, e os adultos, a unha certa distancia da costa. É moi apreciado como marisco. Consómese cocido, en abundante auga con sal, e especialmente en salpicón ou asado no forno, podendo atoparse no mercado tanto vivos como conxelados ou en conserva.

    Ex: Metéuseme un boi nun laño e tiven que collelo cun bicheiro.

  2. s m [ANIMAL/ORNIT]

    abetouro.

  3. boi heráldico [HERÁLD]

    Boi representado co rabo colgante.

  4. corrida de bois

    Espectáculo comercializado consistente na loita dun home, o toureiro, cun boi, o touro, esquivándolle as acometidas e, finalmente, dándolle morte, de acordo coas convencións especificadas na tauromaquia.

Frases feitas

  • A paso de boi. Moi de vagar.

  • Andar (a vaca) ao boi. Estar (a vaca) en celo.

  • Andar como os bois no monte. Andar espido.

  • Andar como os bois. Ser un escravo.

  • Cea os bois! Díselle a algunha persoa cando esaxera.

  • Co coiro lordento, como os bois na corte no inverno. Moi sucio.

  • Nin boi nin vaca. Nin unha cousa nin a outra.

  • Non arar cos bois de alguén. Non ser de agrado algunha persoa.

  • Parecer un boi de machado. Ser moi bo.

  • Poñer o carro diante dos bois/antes que os bois/os bois antes que o carro. Adiantarse aos acontecementos ou actuar precipitadamente.

  • Saber con que bois se ara. Coñecer as persoas coas que un trata.

  • Saber de que man ara ese boi. Coñecer ben a algunha persoa.

  • Se non é boi é vaca. Aplícase cando tras errar unha opción só queda outra posible.

  • Ser como o boi ladrón. Aplícase a quen tira máis para fóra que para casa.

  • Ser un boi de barro/de palla. Aplícase á persoa de bo trato e carente de maldade.

  • Ser un boi de Belén/do Portal. Ser boa persoa, pero de pouca vontade.

  • Ser un boi manso. Ser boa persoa.

Refráns

  • a boi vello afonda o arado e arrinca as raíces do prado.
  • a boi vello leva o suco ao dereito.
  • a boi vello non se chora.
  • A boi vello ¿para que chocallo?
  • A boi vello, chocallo novo.
  • a boi vellouqueiro coñece o seu amo e o seu comedeiro.
  • ande o bói vello non tuse, a fouce enferrúxase.
  • Are o meu boi polo folgado e o teu polo gabado.
  • Boi bravo, rego largo.
  • Boi cansado asenta ben o paso.
  • Boi cansado, pe máis asentado.
  • Boi de prado nunca está sano.
  • Boi feito fai o barbeito co suco dereito.
  • Boi fermoso non é para o traballo.
  • Boi goloso, nin fraco nin gordo.
  • Boi marelo, pouco andar e moito penso.
  • Boi pequeno todo é coma.
  • Boi vezado vol ve ao prado.
  • Boi, cornudo; labrador, barbudo.
  • Boi, corvo; burro, combo; e cabalo, fondo.
  • Boi, frontudo: e cabalo, cascudo.
  • Boi, galludo; e boieiro, peludo.
  • Boi, longo; cabalo, redondo.
  • Boi, testudo; e home, forzudo.
  • Catro bois nun carro ben tiran para arriba e mellor tiran para abaixo.
  • Deixa o boi mexar e fártao de arar.
  • Di o boi: Sácame en marzo, verás como pazo.
  • Foise o boi ás verzas e non deixou verdes nin secas.
  • Máis come o boi que cen andoriñas.
  • Mentres o boi traballa, a vaca no campo apasta.
  • Nin boi canso nin boi manso. "
  • Non lle ates a boca ao boi que anda arando.
  • Ó boi bravo, rego largo.
  • O boi canso pisa máis forte.
  • O boi e o leitón en xaneiro crían riñón.
  • O boi fraco trae a merenda debaixo do rabo.
  • Ó boi malo relócelle o pelo.
  • O boi morto vaca é.
  • Ó boi que ara non lle míre-Ia cara.
  • O boi que me acornou, ben me escarmentou.
  • O boi que non ara na cortadoría para.
  • Ó boi que non poida arar, deixalo apastar.
  • O boi ruin crece en cornos.
  • O boi ruin escómase folgando.
  • O boi ruin nin folgando se descoma.
  • Ó boi vello dálle mantenza e darache a pelexa.
  • Ó boi vello non lle búsque-Ia morte, que xa che dará el con ela.
  • Ó boí vello non lle cates achego, porque el vaise Ao verde e deixa o seco mais, se verde non acha, o seco apaña.
  • Ó boi vello, xugo novo.
  • O boi, galludo; e o labrego, barbudo.
  • O boi, grande, are ou non are.
  • O boi, para que are; o home, para que traballe; e a muller, para que garde.
  • O boi, peludo; e o cabalo, barrigudo.
  • Polo san Lucas solta os bois, mata os porcos e tapa as cubas.