bolboreta

bolboreta

(

  1. s f [ANIMAL/ENTOM]
    1. Denominación común dos insectos da orde dos lepidópteros, referida especialmente á fase adulta das especies de hábitos diurnos. No ciclo reprodutor das bolboretas, das que se teñen descrito máis de 100.000 especies, distínguense claramente catro fases: adulto, ovo, eiruga e pupa. Os adultos poden ser de tamaños diversos, dende os poucos milímetros dos microlepidópteros ata os 30 cm de envergadura da especie americana Thysania agrippina, e caracterízanse por presentar normalmente dous pares de ás recubertas de escamas imbricadas que se orixinaron a partir de pelos modificados. Os pigmentos e as pequenas arestas que cobren a superficie da escama son os responsables da cor e da iridiscencia do animal; cada especie ten un deseño distinto que permite que se recoñezan no momento da reprodución. Algunhas especies, sen embargo, non presentan esta cuberta de xeito que as súas ás teñen un aspecto transparente; isto axúdalles a pasar inadvertidas ou a ser confundidas con grandes avespas perigosas. Outras, especialmente as femias dalgunhas bolboretas de hábitos nocturnos, son ápteras; neste caso atraen os machos mediante feromonas e son fecundadas sobre a planta nutricia onde xa se desenvolvera a eiruga e que servirá tamén para a seguinte xeración. A maioría son zugadoras de zume de flores, aínda que algunhas especies non se alimentan durante a fase adulta. Para iso contan cunhas pezas bucais constituídas por dúas maxilas con canles internas ensambladas formando un tubo longo sucionador, a probóscide, que manteñen enrolada baixo a cabeza cando non a están a empregar. Na esfinxe, por exemplo, a probóscide ten máis de 15 cm de lonxitude, o que lles permite alimentarse de flores grandes con corolas tubulosas. Os receptores do sabor están situados no extremo das patas e os órganos auditivos poden atoparse na base do abdome ou no tórax, dependendo da especie. Algúns adultos presentan antenas plumosas, especialmente os machos de especies de hábitos nocturnos que as empregan para localizar as femias a longas distancias. Trala cópula as femias depositan os ovos nas plantas nutricias axeitadas. Logo de dúas ou tres semanas saen as eirugas, agás nos casos en que pasan o inverno en fase de ovo e non sofren eclosión ata a primavera seguinte. Estas eirugas presentan unha cabeza ben desenvolvida, tres pares de patas verdadeiras e cinco pares de propodios formados por pregaduras do abdome que poden ter pequenos ganchiños no extremo. Tamén teñen un par de glándulas produtoras de seda situadas preto da boca. A seda emprégana para a construción de tendas para protexerse, de fíos de salvamento e do casulo que rodea a pupa. Poden presentar cores crípticas ou aposemáticas, ou ter un aspecto semellante a unha poliña, como as da familia dos xeométridos, ou a serpes, como as da familia dos esfínxidos. As pilosas adoitan ter propiedades irritantes. Aliméntanse basicamente de materia vexetal, polo que teñen un aparello mastigador; algunhas de flores e froitos, outras de talos e raiceiras, e a maioría de follas. Destas últimas hai algunhas que se nutren concretamente do mesoderma das follas (no que van abrindo galerías), son polo xeral ápodas e denomínanse mineiras das follas. Algunhas especies atopan o alimento noutro tipo de materiais, como a la, e son coñecidas como couzas. As eirugas necesitan mudar o exoesqueleto para poder medrar; poden realizar de 3 a 9 mudas, aínda que o normal é que sexan 4 ou 5. O desenvolvemento larvario pode durar de tres semanas a nove meses, dependendo da especie e das condicións; pero nalgunhas especies que se alimentan de madeira pode superar os tres anos. Unha vez completadas as mudas entra na cuarta fase do desenvolvemento, a de pupa, na que ten lugar unha reorganización estrutural dende a eiruga ao adulto alado. A pupa semella unha momificación do adulto futuro, na que xa se poden apreciar a cabeza, a probóscide e as ás pegadas ao corpo. Durante esta etapa nin se alimenta nin se despraza. As bolboretas poden pupar no solo, enterradas ou entre as follas, ou adheridas á planta nutricia. Nalgunhas especies, a eiruga rodéase de seda formando un casulo, noutras entérrase a pupa nunha cámara con baba e alguns fíos de seda, e noutras, que non fan casulo, aparecen penduradas da planta. Os casulos crean unha atmosfera propia para a pupa, ao manter un grao de humidade axeitado, e contribúen á súa defensa, especialmente os que incorporan os pelos urticantes do corpo da eiruga. As pupas que non presentan casulo teñen formas ou cores que lles axudan a pasar inadvertidas. Unha vez completada a metamorfose, emerxe o adulto que estarrica as ás e inicia un novo ciclo. É común que unha mesma especie presente unha única xeración ao ano en latitudes elevadas dentro da súa distribución, mentres que en zonas máis cálidas pode completar tres ou máis ciclos. As bolboretas son responsables de numerosas pragas que afectan os cultivos; pero por outra banda xogan un papel fundamental en todos os ecosistemas, tanto por constituír un dos grupos máis importantes de consumidores primarios (na fase de eiruga), como polo labor polinizador (na fase de adulto). Adóitase falar de bolboretas nocturnas, ou abelaíñas, e bolboretas diúrnas facendo referencia aos seus hábitos, aínda que isto resulta unha clasificación artificial que non se corresponde cunha división taxonómica. Das numerosas familias de bolboretas existentes, a maioría propias de zonas tropicais e ecuatoriais, en Galicia pódense atopar representantes das familias dos danaidos, endrómidos, esfínxidos, hespéridos, lasiocámpidos, lemónidos, libiceidos, licénidos, ninfálidos, notodóntidos, papiliónidos, piéridos, riodínidos, satíridos, satúrnidos e tenúquidos.

      Ex: Na primavera hai moitas bolboretas polo monte.

    2. bolboreta da seda

      Nome que reciben as bolboretas do xénero Bombyx.

  2. s f [DEP]

    Estilo de natación que consiste en nadar en posición ventral. Os brazos fan un movemento circular que produce tracción cando están baixo a auga e que é de recuperación cando están fóra, movendo as pernas de forma simultánea.

    Ex: Xan foi campión de natación dos 100 metros bolboreta.

  3. s f [TECNOL]

    Obturador, polo xeral de forma elíptica, que pode xirar ao redor do diámetro menor e estrangular máis ou menos o paso do conduto onde está situado.

Palabras veciñas

Bolante | bolardo* | bolbitiácea | bolboreta | bolboroto | boldina | Boldini, Giovanni