Boletín de la Unión Hispanoamericana Pro-Valle Miñor

Boletín de la Unión Hispanoamericana Pro-Valle Miñor
[PUBLIC]

A Unión Hispanoamericana Pro-Valle Miñor foi fundada en Bos Aires o 5 de xaneiro de 1905. O boletín naceu con periodicidade mensual no mes de outubro de 1909 e existiu ata o seu número 307, correspondente a abril de 1935. O seu primeiro director foi V. Micuci e desde 1917 sería o presidente da Comisión de Propaganda o que tería esa responsabilidade. O contido habitual da publicación eran as noticias do Val Miñor e as viaxes e novidades da asociación, principalmente, aínda que tamén tiñan cabida nas súas páxinas artigos dedicados á pedagoxía e á educación, así como a efemérides de Galicia. A presenza do castelán era maioritaria e a literatura estaba pouco representada, cando aparecía era case sempre en castelán. Entre os colaboradores galegos destacan: Basilio Álvarez, Curros Enríquez, Julio Camba, Lustres Rivas, Roberto Blanco Torres, Armando Cotarelo, Manuel Murguía, Antón Villar Ponte, Correa Calderón, quen presentaron artigos en prosa; Guerra Junqueiro, Francisca Herrera, Barcia Caballero, Rey Soto, Augusto María Casas e Lustres Rivas cos seus poemas; e Valle-Inclán, Pardo Bazán e Sofía Casanova con relatos. Desde o ano 1912, cando asumiu a presidencia Ignacio Ares de Parga, comezou a presenza da lingua galega con nomes como Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Valentín Lamas Carvajal, Victoriano Taibo, Vaamonde Lores, Manuel García Barros, Ramón Cabanillas, Benito Losada, Couceiro Freijomil, Amado Carballo, Manuel Murguía, Lugrís Freire, Delgado Gurriarán ou Manuel Luís Acuña.