Boletín do Centro de Estudos Melidenses “Museo terra de Melide”
Publicación aparecida no mes de agosto de 1982 en Melide. Aínda que non figurou baixo ningunha responsabilidade, os encargados da publicación foron o director do museo Xosé Manuel Broz Rei, o secretario Xosé Domingos Fuciños Gómez e os vocais Benedicto e Xulio Álvarez García. Este boletín deleitaba tanto cos poemas dos colaboradores Xosé Vázquez Pintor, Manuel Souto, Ramón Porto Trado ou Manuel Díaz, como coas traducións ao galego que Xosé María Monterroso Devesa fixo de Rabindranath Tagore ou de Henry Fellow. A pesar de que a súa finalidade era a recuperación, o estudo e a conservación do patrimonio histórico e artístico da comarca, tamén contou con artigos sobre Historia local, Etnografía, escavacións arqueolóxicas, Arte, Heráldica, música tradicional, onomástica da parroquia, etc. O boletín estaba ilustrado con debuxos e fotografías en branco e negro. A única mostra narrativa que se atopou é a publicación nun dos seus números dun relato de Exeria Branco. Na súa presentación afirmaban que pretendía ser unha “fiestra aberta da cultura na bisbarra melidán”, incidindo asemade no seu carácter cultural ao servizo do pobo.