Boletín Galego de Literatura
Revista semestral editada polo Servicio de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela. Ten formato de libro (24x15 cm) e cubertas Guarro de acuarela-medio, cor branca e 240 gramos, ilustradas cada unha por un artista gráfico diferente. O primeiro número apareceu con data de maio de 1989 e dende o segundo quedou estruturada nos seguintes apartados: “Estudios”, “Notas”, “Documentos”, “Encontros”, “Libros” e “Creación”. A partir do número 5, apareceu unha subsección fixa titulada “Dos arquivos de Dieste” que se inclúe no apartado “Documentos” e da que se encarga Xosé Luís Axeitos, publicando, fundamentalmente, o epistolario do escritor de Rianxo. A publicación, que dirixe dende o inicio Anxo Tarrío Varela, asistido por unha Secretaría, un Consello de Redacción e un Consello Científico formado por profesores de varias universidades españolas e estranxeiras, serve de canle a estudios de teoría e crítica literarias, e informa sobre moitas literaturas do mundo: galega, portuguesa, española, italiana, romanesa, inglesa, canadense, árabe, provenzal, bretona, etc. Está redactada integramente en galego, agás a sección “Documentos”, onde se respecta a lingua do documento en cuestión. Dez anos despois do seu nacemento pódense ler, ademais, entrevistas con personaxes como Álvaro Cunqueiro, Robbe-Grillet, Aguiar e Silva, Pérez Prado, Colin Smith, Ian Michael ou Iris Murdoch; achegarse á creación de escritores galegos vivos, como Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Rábade Paredes, Helena Villar, Suso de Toro, Chus Pato, Ana Romaní, etc; ou ver a obra de artistas gráficos como Quintana Martelo, Xulio Maside, Jordi Teixidor, Antón Patiño, Menchu Lamas, Berta Cáccamo, Antonio Murado, Luís Seoane ou Rafa Masiá, entre outros.