Boletín Informativo del Ateneo da Coruña
Publicación de periodicidade irregular aparecida na Coruña na década dos anos oitenta; concretamente, consérvanse exemplares de 1984. Continuou a editarse ata o número especial dedicado ao primeiro de maio, no ano 1986. Cómpre salientar o labor dos tres presidentes que fixeron posible a existencia e continuación deste boletín: Pablo Uriel Díaz, o maxistrado Claudio Movilla Álvarez e o avogado coruñés Guillermo Díaz Gómez. Só ocupaba unha folla que non acostumaba levar cabeceira. Esta publicación estivo profundamente vinculada ao Ateneo da Coruña, asociación que naceu en febreiro de 1977 co apoio de persoas que pertencían a distintos sectores sociais. Tendo en conta o gran número de actividades que levaban a cabo crearon comisións de cine, fotografía, política, muller, música, deseño, lingua, etc. Colaborou xente como Pablo Castellanos, Fernando Morán, Francisco Fernández Ordóñez, Juán Luis Cebrián, Javier Solana, Camilo Nogueira, Rafael Dieste, Xosé Luís Aranguren, Cristina Alberdi, Celso Emilio Ferreiro e Eduardo Blanco Amor, entre outros. Todas estas actividades están descritas nunha Memoria que se publicou con data de 1977-1982.