Boletín interparroquial “Fátima en Santiago de Compostela”

Boletín interparroquial “Fátima en Santiago de Compostela”

Publicación santiaguesa editada en marzo de 1961 co nome de Fátima e co subtítulo “Boletín de la Comunidad parroquial de nuestra señora de Fátima del Castiñeiro-Santiago de Compostela”. A partir do número 6 de 1961 titulouse Fátima en Santiago de Compostela, ata que en xuño de 1969 se nomeou Boletín interparroquial Fátima en Santiago de Compostela, e en xaneiro de 1976 Boletín interparroquial, Boletín Fátima en Santiago de Compostela, “Unha xeira nova do Boletín interparroquial”. Nos primeiros anos os artigos non ían firmados ou só levaban iniciais ou apelidos como Gómez, Casas ou Ro Pe Vi. Co tempo colaboraron Roberto Pereira, Xoán Casas, Manuel Romero Regenjo, Carlos Losada, Mario López, Camilo Nogueira, Xosé Ferreiro e Xulio Galego Barreiro, entre outros. Incluíu as seccións: “Cartas”, “Calendario”, “Libro de la vida”, “Correo del corazón”, “El Barrio”, “Cáritas”, “El Santuario” e outras. A medida que esta publicación evolucionaba, introduciu novas seccións como “Diario de un cura”, “Diario de un feligrés”, “Presencia obrera”, “Buzón abierto” e “La entrevista del mes”, que desapareceron ao redor de 1972. Cunha temática principalmente cristiá, amosa un compromiso cos problemas dos barrios, dos traballadores, dos emigrantes e da muller. Proba disto é o artigo “Qué vai pasar cos emigrantes de Alemania?” de Lois Caeiro. Destaca a contribución de Ricardo Ventosa Rodríguez, quen coas “Lerias do Antón”, con “María a meiga” e cos “Contos do tío Xaquín”, achegaba os costumes e problemas do pobo aos lectores. Tratábase de seccións narrativas en galego publicadas durante a década dos anos setenta. No eido da poesía houbo poucas colaboracións; no número 88 de marzo de 1969 apareceu a “Cantiga de Mazarico” de E. Pita. No número 117 de novembro de 1971 publicouse “Algunhas fábulas de Gotthold Ephraim Lessing”, traducidas do alemán por Xoán Trillo. Exemplos de cancións poderían ser “Canción da alegría sin sonroxo” de Xosé Antón Miguélez, e o “Himno galego” que saíu na portada do número 210 de setembro de 1981. Alá pola década dos 80 abranguía só dúas follas e redactábase case totalmente en galego. De cando en vez incluía publicidade, pero sempre en branco e negro.