Boletus
Xénero de fungos da orde das boletais con cogomelos de himenio formado por tubiños rematados nun poro, pé de textura fariñenta e carne que pode tinguirse de azul ao contacto co aire. En Galicia son comúns as especies: B. calopus, con cogomelos de sombreiro de ata 12 cm de diámetro, coa cara himenial de cor amarela intensa, pé avermellado cun deseño reticulado de cor branca e carne que azulea un pouco, que se atopa nas carballeiras e ten mal sabor; B. edulis e B. reticulatus, con cogomelos de sombreiro de ata 25 cm de diámetro, coa superficie lisa e brillante de cor castaña clara, himenio branco e logo amarelo verdoso, pé de ata 10 cm de diámetro de cor castaña clara con retículo branco, e carne branca, que se atopa baixo coníferas e árbores caducifolias e ten sabor doce; B. erythropus, con cogomelos de sombreiro de ata 15 cm de diámetro, de cor castaña escura, himenio vermello e carne amarela que se azula baixo presión, que se atopa baixo árbores caducifolias e é moi apreciado en gastronomía. Os cogomelos deste xénero coñécesen co nome de andoas.