Bolívar, Simón
Militar e político. Bisneto de Pedro de Ponte Andrade (A Coruña 1617), alcalde ordinario de Caracas e alguacil maior da Inquisición. Completou a súa formación en Europa, viaxou por EE UU e regresou ao seu país en 1807. Ao ser proclamada a independencia de Venezuela (1810), foi enviado a Londres en misión diplomática. De regreso a Venezuela, comezou, xunto con Francisco de Miranda, a loita contra os realistas ata 1812, ano no que capitularon. Trasladouse a Cartagena (Colombia), onde tomou parte na loita deste país contra a metrópole e onde publicou o Manifiesto de Cartagena e a Memoria dirigida a los ciudadanos de Nueva Granada, onde expón as súas ideas políticas e a liña a seguir na loita pola independencia. As contendas internas provocaron un novo desprazamento de Bolívar, que solicitou asilo en Xamaica, e onde escribiu un plan estratéxico de loita, a Carta de Jamaica (1815). Tralo seu paso por Haití, onde procurou apoios, regresou ao continente e retomou a loita. Despois de varios triunfos militares, os libertadores establecéronse en Angostura (hoxe Ciudad Bolívar) e procederon a organizar o novo estado, nomeando a Bolívar xefe supremo da República. Nesta cidade reuniuse o 15 de febreiro de 1819 o II Congreso de Venezuela, no que Bolívar presentou un proxecto de Constitución, pronunciouse contra a escravitude, a favor da democracia e do centralismo fronte á constitución federal. No Congreso dispúxose a creación da República de Colombia coa unión de Venezuela, Nueva Granada e Quito, presidida por Bolívar. No ano 1821 tivo lugar a batalla de Carabobo (Venezuela), na que venceron as tropas de Bolívar, que gañaron novamente en Guayaquil (Ecuador) en 1822. Coa vitoria sobre os realistas en Junin e a decisiva vitoria do xeneral Sucre en Ayacucho (1824), deuse por rematada a fase militar da emancipación. Afirmada a independencia do Perú (1824), primaron as tendencias segregacionistas e o Alto Perú independizouse (1825) como República de Bolívar, máis tarde Bolivia. En 1830 Venezuela separouse da Gran Colombia e Bolívar renunciou a todo cargo de mando.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Caracas -
Deceso
Lugar : Santa Marta, Colombia