Bolivia
Estado de América do Sur que limita ao N e ao NL con Brasil, ao SL con Paraguay, ao S con Arxentina, ao SO con Chile e ao O con Perú, (1.089.581 km2; 7.957.000 h [estim 1998]). Ten a súa capital xudicial en Sucre e a administrativa en La Paz. Esténdese entre os 57° e os 69° de lonxitude O e os 9° e 25° de latitude S.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
O relevo boliviano presenta un contraste violento entre o país andino, ao O, cunha altitude media superior a 3.000 m, e as terras baixas e cálidas da zona oriental, con 200 m de altitude media, que forman un vasto conxunto de chairas (Los Llanos), e pequenos relevos e áreas inundables (Los Bañados). Representan o 70% da superficie do país, pero é unha rexión escasamente habitada. A rexión andina consiste nun extenso conxunto de altiplanos (Altiplano), duns 100.000 km2, a uns 4.500 m de altitude; na Cordillera Occidental existen cumios de orixe volcánica (Tacora, 5.982 m; Nevado de Sajama, 6.520 m); na Cordillera Oriental, os cumios máis altos son tamén volcáns (Nevado Pupuya, 5.819 m; Nevado de Illampu, 6.550 m; Illimani 6.882 m), que sobresaen na puna. Ao L, unha franxa subandina de transición descende cara ós llanos orientais dando lugar a concas e vales profundos e fértiles, como o val de Cochabamba. No altiplano existen grandes concas endorreicas que presentan lagos (Titicaca e Poopó) e áreas palustres máis ou menos permanentes ou salares (Salar de Uyuni). Ao S do altiplano boliviano, a Gran Pampa Pelada enlaza co deserto de Atacama.
Climatoloxía
As diferencias de altitude son a causa das diversidades climáticas. De N a S a pluviosidade diminúe. Ao NL, o clima é tropical chuvioso, con temperaturas medias de entre 26° e 27°C e unha pluviosidade anual entre os 1.000 e os 2.000 mm; ao S, o clima é tropical seco. Nas yungas, vales orientais da Cordillera Oriental, o clima é tropical chuvioso. No Altiplano, a temperatura media é de 9,8°C, e a pluviosidade varía entre os 500 e os 600 mm anuais. Entre os 5.000 e os 6.000 m de altitude existen neves perpetuas.
Hidrografía
Na rede hidrográfica existen tres concas: a do Amazonas, a do río de la Plata e a dos lagos ou conca interior. A rexión do Amazonas está representada polos ríos Beni e Mamoré, que orixinan o río Madeira. O seu réxime é pluvial. Os ríos da rexión de La Plata, ao SL, converxen nos ríos Paraguay, Pilcomayo e Bermejo. O principal río da conca dos lagos é o Desaguadero, que sae do Titicaca, atravesa o Altiplano e forma o lago Poopó.
Vexetación e fauna
Ao N do país a selva pluviosa ecuatorial da Amazonia segue o curso dos afluentes do Amazonas. Ao SL predomina o monte baixo xerófilo do Chaco. Nas cordilleiras e no Altiplano atópanse os pisos correspondentes á transición entre o norte e o centro dos Andes. Case todo o Altiplano está ocupado por páramo e puna. As vertentes marítimas da Cordillera Occidental teñen unha vexetación máis seca: puna con ichu (Stipa ichu) ou matagueiras de tola (Lepidophyllum). A fauna predominante é a andina.
Xeografía económica e economía
Economía
A economía boliviana ten un forte grao de monopolización nas exportacións de minerais, baseadas principalmente na prata e no estaño; nos dez últimos lustros o estaño representou o 75% das mesmas. Os principais clientes son EE UU (19,4%) e a Unión Europea (23,2%). Bolivia está fortemente sometida ás flutuacións dos prezos do mercado internacional e á demanda dos países importadores. Os ingresos orixinados polas exportacións dedícanse á importación de produtos alimenticios, materias primas e equipos para a industria, procedentes de EE UU (23,3%) e Asia (15%). Como resultado desta balanza comercial posúe unha inflación do 4,7% (1997), un déficit público de 4.174 millóns $ USA (1996). As cifras oficiais de desemprego sitúano nun 4,2%.
Recursos e sectores de actividade
Máis do 40% da poboación activa está dedicada á agricultura (1989). Os cultivos comerciais principais son o café, a cana de azucre e a soia. Destinado principalmente ao consumo interior, nas terras altas cultívase millo e trigo, e cultivos tropicais (especialmente bananas e mandioca) nas yungas, así como arroz e algodón. A explotación forestal está pouco desenvolvida, aínda que o 51% do solo está cuberto de bosque. A gandería (bovina, ovina, cabrúa, alpacas e llamas) ten unha importancia considerable, especialmente na obtención de coiros e peles.
Minería e industria
A minería é o principal recurso económico. Na época colonial o mineral explotado foi principalmente a prata. A pesar de ser un dos grandes produtores mundiais, actualmente a minería se centra na produción de estaño, cobre, zinc (o metal máis abundante de Bolivia), chumbo, tungsteno, antimonio, gas natural (transportado en parte a Arxentina e Brasil por gaseoduto) e petróleo, de consumo principalmente interno. A industria está pouco desenvolvida e predominan as refinerías de petróleo e a fabricación de produtos derivados, de alimentación, de peles e téxtil.
Transportes e comunicacións
A gran parte das estradas de Bolivia (52.328 km [1995]) non están asfaltadas (só deles 3.045 km). O ferrocarril (3.691 km, dos cales 13 están electrificados [1995]) enlaza o país con Mollendo (Perú), Antofagasta e Arica (Chile) e, desde 1973, comunica La Paz e Guaqui. A estrutura física do país dificulta as comunicacións terrestres, o que ocasionou o desenvolvemento da aviación, que conta cunha extensa rede ao longo do país, de carácter netamente comercial. Conta con 10.000 km (1995) de ríos navegables distribuídos entre as tres grandes concas do país. O Desaguadero é navegable a miúdo desde o lago Titicaca, e á súa beira encóntrase o primeiro porto boliviano, Guaqui. Os portos de Arica e Antofagasta en Chile, Moltendo no Perú, Santos en Brasil, Montevideo e Bos Aires ofrecen facilidades aduaneiras.
Comercio exterior
Ata o ano 1968, o comercio exterior presentaba déficit na balanza comercial, pero posteriormente a tradición é de signo contrario grazas á importancia crecente da exportación de minerais. Ademais, expórtanse peles e coiros, azucre e madeira. O corpo das importacións está formado pola maquinaria, os bens de equipo e os de consumo. Como estados provedores, aparecen os EE UU, seguidos de Brasil, Arxentina e Xapón; como clientes Arxentina, Gran Bretaña e os EE UU. Por outra banda, os ingresos ilegais procedentes do narcotráfico equivaleron en 1990 aos das exportacións.<BR> A xeografía humana e a sociedade
Demografía
O crecemento vexetativo boliviano é moi elevado, o 28,7‰ en 1988. Así mesmo, a taxa de mortalidade é tamén elevada, o 9,2‰ en 1997. En 1992 a densidade de poboación era de 7,3 h/km2; sen embargo, a poboación está repartida de xeito moi desigual. A poboación urbana representaba o 61,2% da poboación en 1997, concentrándose no Altiplano (departamentos de Oruro, La Paz e Potosí, á beira do Titicaca) e nos vales de transición, mentres que o oriente está moi pouco habitado, coa excepción de Santa Cruz. Ademais, en 1997, a terceira parte da poboación concentrábase en catro cidades: Santa Cruz de la Sierra (833.307 h), La Paz (739.453 h), El Alto (527.436 h) e Cochabamba (457.881 h).
Etnias, linguas e relixión
En 1997 a poboación de Bolivia estaba composta de amerindios (42%), mestizos (31%), brancos (14%) e crioulos (13%). O castelán e, desde 1977, o quechua e o aimará, son as linguas oficiais. O 85% da poboación é católica e o 10% protestante. O índice de analfabetismo é elevado, o 16,9% en 1996. Oficialmente, o ensino é obrigatorio entre os 6 e os 14 anos.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Bolivia entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o posto 112º cun índice do 0,652). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 61,4 anos (1992); o índice de alfabetización de adultos é do 83,6% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 43,4%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 2.880 $ USA.
Goberno e administración
Bolivia é unha república cun sistema de goberno baseado nunha democracia presidencialista, rexida pola Constitución de 1947. A situación política estabilizouse despois de 10 anos de réxime militar. O país está dividido en 9 provincias, a capital xudicial é Sucre, situada ao S, e a sede do goberno e capital administrativa é La Paz. O poder lexislativo correspóndelle ao Parlamento, composto pola Cámara de Deputados (130 membros) e o Senado (27 membros, 3 por provincia). O Parlamento é o encargado de elixir o Presidente da República. O poder xudicial baséase no español, con influencias do código napoleónico. Bolivia non acepta a xurisdición da Corte internacional de Xustiza. A pena de morte só está prevista en tempo de guerra. Amnistía Internacional presentou varias denuncias segundo as que, en 1996, varios defensores dos dereitos humanos foron obxecto de ameazas e agresións, segundo estes informes cando menos unha persoa foi presunta víctima de execución extraoficial e houbo torturas e malos tratos a detidos. Adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional Dos dereitos Civis e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional dos Dereitos Económicos Sociales e Culturais, asinado pero non ratificado; Convención Contra a Tortura, Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanas ou Degradantes; Convención Sobre o Estatuto Dos Refuxiados; Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados; e Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Contra a Muller. Os partidos políticos máis importantes son: Alianza Democrática Nacionalista (ADN), do exditador Hugo Bánzer Suárez; Unión Cívica de la Solidaridad (UCS), conservador; Movimiento Nacionalista Revolucionario (MNR), liberal; Movimiento de la Izquierda Revolucionaria (MIR), socialdemócrata; Conciencia de la Patria e Movimiento Bolivia Libre (MBL), progresistas; e Izquierda Unida, socialista. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Organización dos Estados Americanos (OEA), e ONU; é membro asociado do Mercado Común do Cono Sur (MERCOSUR).
Historia
Os testemuños arqueolóxicos atopados nos Andes bolivianos demostran a presenza humana desde hai 30.000 anos. No xacemento paleolítico de Viscachani atopáronse útiles e ferramentas de pedra datadas do 10.000 ao 4.000 a C. No actual territorio de Bolivia viviron dúas grandes civilizacións precolombinas: a de Tiahuanaco, fundada ao redor do 300, e posteriormente a Inca, que estableceu un vasto imperio desde o s XIII ata o XV; destas culturas consérvanse destacados restos arquitectónicos e as linguas aimará e quechua, as máis importantes do país. As primerias penetracións europeas efectuáronse no s XVI; un supervivente da expedición de Juan Díaz de Solís, o portugués Aleixo García, chegou ao lugar da actual Sucre (1516-1524). En 1535 chegou Diego de Almagro, e morto este, Francisco e Gonzalo Pizarro someteron o Alto Perú, nome co que se coñecían os territorios bolivianos, iniciándose o proceso de colonización con motivo do descubrimento das minas de prata de Potosí (1545). A consecuencia dese proceso fundáronse diversas cidades: Potosí (1546), La Paz (1548) e Cochabamba (1574). No 1552 foi creado o bispado de La Plata e, en 1559, a Audiencia de Charcas, dependente do vicerreinado do Perú ata 1776, ano en que se integrou no novo vicerreinado de Río de la Plata. A economía centrábase sobre todo na explotación do subsolo e os indios, recrutados segundo o sistema da mita, traballaban nunhas condicións entre o escravismo e o feudalismo. Producíronse numerosas revoltas na segunda metade do s XVII (1661 e 1665-1668), sendo especialmente importantes as que dirixiron Tupac Amaru e Tomás Catari no 1781, que foron cruelmente reprimidas. Na época colonial desenvolveuse en Bolivia unha arte baseada no Barroco con influencias indíxenas; os centros principais desta arte foron La Paz e Potosí. En 1809 comezou en Chuquisaca un movemento insurrecto que se estendeu a La Paz e en 1810, como consecuencia do movemento emancipador que vivía o continente, o Alto Perú lanzouse á súa independencia. Logo dos levantamentos en La Paz, Potosí e Cochabamba, e trala vitoria do xeneral Sucre, lugartenente de Bolívar, en Ayacucho (1824), Bolivia acadou a independencia, que foi proclamada formalmente o 6 de agosto de 1825, constituíndose a República de Bolívar, chamada pouco máis tarde Bolivia. Bolívar foi nomeado Presidente e Sucre ocupou a vicepresidencia, pasando a desempeñar o cargo de Presidente en 1826, ano no que se proclamaba a primeira Constitución. Establecíase un sistema intermedio entre a monarquía e a república, na que o cargo de Presidente tiña un carácter vitalicio, e establecíanse notables limitacións ás liberdades políticas. O militarismo, nunha sucesión de constantes pronunciamentos, dominou a vida política durante un longo período. As fontes de riqueza do país estaban concentradas nos terratenentes e nas familias que acaparaban as explotacións mineiras. En 1831 o xeneral Andrés de Santa Cruz sucedeu a Sucre e levou a cabo unha reforma da Constitución, na que establecía unha división dos tres poderes tradicionais; a renovación do executivo, que se produciría cada catro anos, a eliminación da cámara dos censores e a democratización das institucións republicanas. Paralelamente, o seu mandato presidencial caracterizouse polo intento de confederación peruano-boliviana, que fracasou despois de que Chile, ante o perigo dunha nova potencia, declarara a guerra á confederación. Despois da derrota de Santa Cruz, no 1839, en Xungay (Perú), esta quedou anulada e sucedéronse diversos caudillos á fronte de Bolivia: o xeneral Ballivián, Manuel Isidoro Belzú (1848-1855) e Mariano Melgarejo (1864-1871). Durante a Presidencia de Hilarión Danza (1876-1880) produciuse unha nova guerra na que Perú e Bolivia se enfrontaron novamente a Chile. A vitoria chilena quitoulle a Bolivia a súa última saída ao mar, a provincia costeira de Atacama. Logo da derrota inverteuse a tendencia e substituíronse os militares no poder por gobernadores civís, agrupándose as forzas políticas ao redor dos dous grandes partidos políticos, o conservador e o liberal. Unha sublevación liberal asentou no poder o Presidente José Manuel Pando (1899-1904), iniciándose un período de melloras económicas, favorecidas pola exportación do estaño e a construción dunha rede ferroviaria para chegar ao mar. Outras medidas deste goberno foron o traslado de capital, da aristocrática Sucre a La Paz, e o establecemento da liberdade de cultos. Na base do movemento liberal atopábanse os indíxenas que pretendían recuperar as terras arrebatadas e rematar co caudillismo. Pero os gobernos de Pando e mais os seus sucesores non se ocuparon destes problemas. En 1903, unha guerra con Brasil supuxo a perda de Acre, no L, co conseguinte abandono de grandes extensións de bosques de caucho. O ciclo de gobernos liberais rematou no 1920, coa Presidencia de Bautista Saavedra, coincidindo cunha etapa de euforia económica, na que se produciu un incremento da penetración de capital estadounidense. O Presidente Hernando Siles (1926-1930) tívose que enfrontar co descontento popular debido ao forte endebedamento que sufría o país polas últimas guerras, amais dos efectos da Gran Depresión. O exército, partícipe dese descontento, negouse a reprimir o pobo, feito que provocou o derrocamento de Siles e a constitución dunha xunta militar, que convocou axiña unhas eleccións que gañou Salamanca (1931-1934). En 1933 produciuse un conflito polo territorio do Chaco, que provocou unha nova guerra, nesta ocasión con Paraguay. Resolveuse polo armisticio de Bos Aires (1935), polo que Paraguay se apropiaba dos territorios do sur. O coronel José David Toro accedeu á Presidencia no 1936, levado por un movemento revolucionario, e comezou unha política de nacionalizacións, tentando limitar os privilexios das empresas estranxeiras. Estas medidas levaron o Presidente estadounidense Roosevelt a iniciar negociacións co goberno de Bolivia para defender os intereses do seu país. En 1937, o coronel Germán Busch organizou un movemento que lle permitiu acceder á Presidencia nas eleccións de 1938, estendendo a política socializadora comezada por Toro. En agosto de 1939, despois do falecemento de Busch, os xenerais Quintanilla e Peñaranda asumiron o poder revisando e modificando as medidas sociais e nacionalizadoras promulgadas con anterioridade. En 1942 produciuse a matanza de mineiros en Cataví, baixo a Presidencia de Peñaranda, que orixinou un novo golpe de estado encabezado polo xeneral Gualberto Villarroel. O novo goberno, composto polos militares membros da loxa RADEPA (Razón de Patria) e os civís do Movemento Nacionalista Republicano (MNR), encabezados por Víctor Paz Estenssoro, seguiu moderadamente os programas de Toro e Busch. Derrocados por un golpe militar en 1946, os presidentes que seguiron, Hertzog e Urricolagoitia, paralizaron o programa socializador e de nacionalizacións. Desde a fundación da ONU en 1945, Bolivia presionou á Asemblea Xeral para que considere a súa petición de recuperar a súa saída ao Océano Pacífico, cuestión que tamén presentou ante a OEA. A partir de 1952, sucedéronse os gobernos do MNR, encabezados por Paz Estenssoro, Hernán Siles Zuazo e, de novo, Estenssoro. Aínda que levou a cabo medidas de carácter progresista (nacionalización das minas de estaño, reforma agraria, institución do voto universal, reforma educativa), ao final do seu mandato realizou un achegamento aos intereses que nun principio combatera. En novembro de 1964, un golpe de estado estableceu unha ditadura militar. O xeneral Barrientos -elixido Presidente por votación en 1966- desenvolveu unha loita activa contra a guerrilla, que acadou un momento álxido co asasinato de Ernesto Che Guevara en 1969. Á súa morte, acontecida en 1969, comezou unha pugna entre os sectores da esquerda e da dereita do exército que levou a sucesivos golpes de estado, ata que en 1971 o xeneral Hugo Bánzer instaurou unha ditadura de ultradereita que suprimiu os dereitos civís e o movemento obreiro. O réxime fracasou nas negociacións con Chile para acadar unha saída ao Pacífico para Bolivia e viu crecer a oposición popular, eclesiástica e do exército. Bánzer foi obrigado a convocar eleccións en 1978, pero un levantamento militar entregou a Presidencia ao xeneral Pereda, que foi sucedido por unha xunta moderada. A pesar de que o proceso electoral que esta impulsou foi interrompido por un novo golpe de estado en 1979, nas eleccións de 1980 gañou claramente Hernán Siles Zuazo, da coalición Unidad Democrática Popular (UDP), de centro-esquerda. Siles Zuazo tomou posesión do cargo en 1982 e tivo que facer fronte a unha grave crise económica e a diversos intentos de golpe de estado. A súa xestión foi obstaculizada pola oposición do sindicato Central Obrera Boliviana (COB). Debido á continua inestabilidade, Siles Zuazo convocou as eleccións de xullo de 1985, que gañou Víctor Paz Estenssoro, que formou un goberno de coalición e presentou un programa destinado a conter a inflación. O COB rexeitouno e convocou unha folga xeral indefinida. En resposta, o goberno decretou o estado de sitio, medida á que recorreu en diversas ocasións nos anos seguintes para loitar contra a inestabilidade social. Desde 1988, co apoio dos EE UU, o goberno tomou medidas contra o narcotráfico, que se estendera enormemente. Estas medidas provocaron unha grande oposición, posto que boa parte da poboación baseaba a súa subsistencia na produción de coca. En 1989 as eleccións non deron a maioría a ningún partido e o Parlamento elixiu a Jaime Paz Zamora como Presidente. Este formou un goberno de coalición entre o MNR e Acción Democrática Nacionalista (ADN). A política antidroga e a campaña de privatizacións do goberno deron lugar a importantes mobilizacións, dirixidas pola COB. Nas eleccións de xuño de 1993, o MNR e o seu líder Gonzalo Sánchez de Losada chegaron de novo ao poder. O goberno reformou o sistema educativo, introducindo a aprendizaxe das linguas indíxenas, aumentou as medidas contra o narcotráfico e iniciou unha reforma das pensións e unha serie de privatizacións que provocaron numerosas folgas. En 1997 o exditador Hugo Bánzer gañou as eleccións presidenciais. Cando apenas regresara ao poder tivo que facer fronte ás distensións na coalición que o apoiara nas eleccións, así como a importantes conflitos sociais. Para afrontar esa situación fixo un chamamento a un amplo diálogo nacional para erradicar as plantacións de coca, que foi denunciado pola oposición como un intento de revestirse dunha limpeza ética da que carecía debido ao seu pasado ditatorial. Así mesmo, os escándalos de corrupción, que provocaron a dimisión dos ministros de Sanidade en 1998 e de Traballo e Defensa en 1999, así como a do director de Aduanas e o comandante da policía, aumentaron a inestabilidade política dun goberno sen proxecto de goberno a longo prazo.