boliviano -na

boliviano -na

(< topónimo Bolivia)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Bolivia ou aos seus habitantes.

  2. s

    Natural ou habitante de Bolivia.

  3. arte boliviana [ARTE]

    A cultura prehispánica máis antiga de Bolivia é a de Tiahuanaco, localizada no Altiplano, ao S do lago Titicaca. Caracterízase por unha cerámica moi sinxela e unha arquitectura de grandes pedras (pirámide de Acapana, porta do Sol e porta da Lúa). A influencia da arte barroca española, unida a elementos indíxenas, configurou o estilo mestizo (igrexa de San Francisco, 1753-1772, igrexa de San Lorenzo, casa da moeda e igrexa de Santa Lucía). Destaca nesta época o pintor Melchor Pérez de Holguin (1600-1724). No s XIX a Arquitectura recibiu a influencia do Neoclasicismo (catedral de Potosí, 1809-1836) e no s XX a do Funcionalismo e do Organicismo. Neste século xurdiu un estilo de tendencia nacionalista, síntese da arquitectura colonial e da de Tiahuanaco. A pintura flamenga, o manierismo italiano e a escola sevillana foron as influencias máis importantes reflectidas na pintura boliviana que adquiriu importancia coa obra de Arturo Borda e Cecilio Guzmán de Rojas. No eido da escultura salienta a obra de Marina Núñez del Prado.

  4. cine boliviano [ESPECT/IMAX]

    O inicio do cine boliviano data do ano 1912, sendo 1936 o ano no que se realizou a primeira longametraxe sonora (La guerra del Chaco). En 1953 creouse o Instituto Cinematográfico Boliviano, organismo dedicado especialmente ao xénero documental. Entre 1971 e 1981, coincidindo cun período de relativa democratización, realizáronse algúns filmes de carácter antiimperialista. Esta produción parou co comezo da nova ditadura (1980).

  5. literatura boliviana [LIT]

    A literatura boliviana xurdiu a partir do s XIX cos postulados románticos, destacando L. Anzoátegui e N. Aguirre, en novela, e R. J. Bustamante e M. J. Tovar, en poesía. A tradición poética botou raíces cos modernistas R. Jaimes Freyre, G. Reynolds e F. Tamayo. Máis adiante, C. Peñaranda aproveitou o antecedente e publicou o seu Cancionero vivido (1919). Na evolución poética acontecida ao longo do s XX destacan O. Campero Echazú e G. Viscarra Fabre, e a lírica de Yolanda Bedregal, formada no pensamento existencialista, con Del mar y la ceniza (1957) e El cántaro del angelito (1979). Outros poetas significativos son J. de la Vega, O. Alfaro, A. Cardona Torrico, J. Suárez, F. Rospiglioni Nieto, E. Rojas, J. Urzagasti, E. Ávila Echazu e E. Camargo Ferreira. Respecto da prosa, A. Peñaranda, que comezara como poeta, deu a coñecer as novelas Celeste (1905) e Casa solariega (1906). Máis adiante destacaron O. Cerruto con Aluvión de fuego (1935), Augusto Céspedes con Sangre de mestizos (1936), Augusto Guzmán con Prisionero de Guerra (1937) e R. Botelho González, na literatura de tipo social. Alcides de Arguedas, autor de Wata-Wara (1904) e Raza de bronce (1919) foi unha das figuras máis singulares da literatura boliviana. No referente á dramaturxia, destacan G. Francovich e R. Crespo Paniagua e, con respecto ao ensaio, M. Baptista Gumucio, J. Lara, E. Ávila e G. Francovich.

Palabras veciñas

Bolívar, Simón | bolivarita | Bolivia | boliviano -na | Böll, Heinrich | Bolles | Bölling