2 bomba

2 bomba

(

  1. [TECNOL]
    1. s f

      Aparello destinado a provocar o movemento dun fluído ao longo dun conduto, nun sentido determinado, mediante unha achega de enerxía mecánica que se transforma nun aumento de altura de carga. Distínguense dous tipos de bombas: as turbobombas e as bombas volumétricas. As primeiras (a miúdo chamadas bombas centrífugas) están baseadas no incremento de enerxía cinética comunicado á masa fluída pola rotación dunha roda de paletas e na transformación subseguinte desta enerxía cinética en enerxía de presión. As segundas fundaméntanse na variación de capacidade dun espacio comprendido entre unhas pezas móbiles e unhas pezas fixas, que aumenta cando se comunica co lado de aspiración e diminúe cando o fai co de impulsión, de xeito que en cada ciclo se transporta un mesmo volume de fluído. Se é preciso que a bomba sexa autocebada, son máis apropiadas as bombas volumétricas ca as turbobombas. Debido á cavitación, o caudal máximo queda limitado a un valor crítico. As turbobombas clasifícanse en: bombas centrífugas, nas que o líquido entra axialmente e sae radialmente; bombas de hélice, chamadas así pola forma da roda, nas que o líquido entra e sae axialmente; e bombas helicocentrífugas, que constitúen un tipo intermedio aínda que, tecnoloxicamente, máis próximo ás centrífugas. As turbobombas poden ser bombas de superficie, situadas fóra do líquido, ou bombas somerxidas. Estas, de eixe vertical, poden ser de motor non somerxido e de eixe longo ou de motor somerxido. As bombas volumétricas poden ser de moitos tipos. Nas máis sinxelas, o volume transportado en cada volta é sempre o mesmo: son as bombas de caudal fixo. Hai algúns tipos nos que se pode regular o caudal, as bombas de caudal variable, e outras, as bombas de caudal limitado, nas que, por enriba dunha determinada velocidade, o caudal non pode pasar dun certo valor. Distínguense tamén as bombas simples -cun só elemento de bombeo- das bombas dobres -con dous elementos-. As bombas volumétricas poden ser alternativas, de manga e rotativas. Entre as bombas alternativas existen as de pistón e as de membrana, segundo se o bombeo se produce polo movemento dun pistón nun cilindro ou pola flexión alternativa da membrana. As bombas de manga funcionan mediante uns rolos que se desprazan ao longo dun tubo flexible estreitándoo e impulsando deste xeito o líquido. As bombas rotativas son as máis importantes das bombas volumétricas; entre elas distínguense as bombas de pistóns, as de paletas, as de excéntrica, as de engrenaxes, as de caracol e as de anel líquido. As bombas de pistóns poden ser de pistóns paralelos (axiais ou inclinados) ou de pistóns radiais. Nas bombas de paletas, estas escorregan nunhas fendas feitas no rotor premendo sempre o perfil ovalado ou excéntrico dun anel. As bombas de excéntrica están baseadas nun principio semellante: o rotor é cilíndrico e xira excentricamente tocando sempre o anel. As bombas de engrenaxes consisten en dous rotores que xiran ao redor de eixes paralelos fixos, manténdose sempre en contacto; son moi semellantes ás bombas de alvéolos. As bombas de caracol constan de dous (ou máis) rotores helicoidais, con hélices de sentidos contrarios que se enganchan entre si e se axustan á parte interior da carcasa. Nas bombas de anel líquido, o espazo comprendido entre cada dúas paletas fixas do rotor e un anel líquido centrifugado á periferia varía de capacidade. Existen tamén bombas para aplicacións especiais. As bombas de baleiro destínanse a evacuar o aire ou outros gases dun recinto. Empréganse determinados tipos de bombas: para os baleiros baixos e medios pódense utilizar bombas de pistón rotativo, de paletas, de anel líquido ou bombas centrífugas multicelulares ou as bombas de Root (tamén chamadas compresores de Root), que funcionan segundo o mesmo principio ca as bombas de engrenaxes; para os baleiros elevados empréganse bombas de exección, as de difusión, as moleculares e as turbomoleculares; para baleiros moi elevados é preciso percorrer ás bombas de absorción, ás iónicas ou ás crioxénicas.

    2. bomba de aceite

      Bomba que subministra o aceite necesario para a lubrificación dun motor de explosión accionada polo xeral polo mesmo motor mediante a árbore de levas.

    3. bomba de auga

      Bomba que nun automóbil forza a circulación da auga de refrixeración entre o bloque motor e o radiador.

    4. bomba de baleiro

      Bomba que se utiliza para eliminar o aire ou outros gases dun recipiente ou recinto, para diminuír a presión.

    5. bomba de gasolina

      Bomba que, ao ser accionada pola árbore de levas, aspira a gasolina do depósito e faina chegar ao carburador dun motor de explosión.

    6. bomba de inxección

      Bomba de inxección.

  2. s f

    Aparello para inflar globos e outras cámaras de aire.

    Ex: O pai inchoulle o balón coa bomba.

  3. s f [MÚS]

    Segmento de tubo en forma de U que se empalma a algúns instrumentos musicais de metal e que se pode sacar máis ou menos para modificar a súa afinación.

  4. bomba calorimétrica [FÍS/TECNOL]

    calorímetro de bomba.

  5. bomba de calor [FÍS/TECNOL]

    Aparello que, ao poñerse en funcionamento, provoca un fluxo de enerxía desde un foco frío (baixa temperatura) ata un foco quente (alta temperatura) por medio da achega do traballo mecánico dunha bomba (compresor); baséase no feito de que a temperatura de vaporización dun fluído é máis alta canto máis alta é a presión á que se somete. É reversible, e polo tanto pode empregarse como calefactor ou como refrixerador, e está formada por un compresor, un condensador, unha válvula e un evaporador, conectados formando un circuíto polo que circula un fluído refrixerante; a calefacción obtense utilizando a calor desprendida no condensador, e a refrixeración pola calor absorbida no evaporador.

  6. bomba de cobalto [MED]

    Equipo instrumental destinado á práctica da cobaltoterapia, empregado fundamentalmente como medio antineoplástico directo e en menor proporción como estímulo terapéutico antiinflamatorio ou funcional.

  7. bomba de infusión [MED]

    Aparello empregado para administrar medicamentos de xeito continuado ou intermitente.

  8. bomba de osíxeno [MED]

    Recipiente de goma ou de ferro que contén osíxeno para ser administrado aos que padecen insuficiencia respiratoria.

  9. bomba de sodio/bomba de sodio e de potasio [FISIOL]

    Mecanismo enzimático que, mediante o consumo de enerxía, tende a manter óptima a concentración de sodio e de potasio no interior da célula. Ten lugar na membrana plasmática por medio dun transporte enzimático, a contragradiente, de sodio cara ao exterior e de potasio cara ao interior a través da enerxía fornecida pola degradación do ATP.

Palabras veciñas

Bol’šoj, Ballet de | Boma | 1 bomba | 2 bomba | Bomba, La | bombacáceo -a | bombacho