1 bomba
(< fr bombe < lat bombu ‘bomba’)
-
[BÉL]
-
s
f
Artefacto de ferro ou doutro material resistente, de forma xeralmente esférica ou cilíndrica, cheo de pólvora ou doutro explosivo, provisto de mecha ou espoleta. O termo aplícase especialmente ao artefacto metálico e esférico que se disparaba cos morteiros e coas bombardas. En Europa comezáronse a utilizar estas bombas no s XV. Co tempo, o termo pasou a designar sobre todo os artefactos lanzados desde os avións e os lanzados ou colocados a man.
Ex: As bombas lanzadas desde os avións causaron graves danos entre a poboación.
-
bomba atómica ou nuclear
Bomba cargada de materiais susceptibles de liberar dun xeito incontrolado a enerxía de fisión (bomba A ou atómica) ou de fusión (bomba H, de hidróxeno ou termonuclear) de determinados núcleos atómicos. O principio de funcionamento da bomba A é semellante ao dun reactor nuclear, no que a masa do combustible (normalmente uranio 235 ou plutonio 239) é amplamente superior á masa crítica; inicialmente, o combustible está fragmentado; a explosión prodúcese ao achegar os fragmentos entre si bruscamente. Para aumentar o rendemento e a eficacia dunha bomba A cómpre empregar combustibles practicamente puros; os utilizados normalmente son o uranio 235 e o plutonio 239. A obtención do primeiro é difícil e cara, porque non é posible separalo quimicamente do uranio natural e hai que recorrer a procedementos físicos como a difusión gasosa; o segundo, que aparece como subproduto nos reactores de uranio natural, pódese illar por procedementos químicos clásicos. Na bomba H, a fusión dos núcleos de átomos lixeiros (normalmente hidróxeno 2 e hidróxeno 3) desprende unha enerxía calorífica específica moito maior ca as bombas A. Non obstante , para iniciar a reacción de fusión necesítanse temperaturas moi elevadas, que normalmente se acadan asociando unha bomba A a unha bomba H. Ao contrario que as bombas A, as bombas H non contaminan o lugar da explosión con produtos radioactivos. A enerxía explosiva das bombas nucleares mídese por comparación coa desprendida por unha masa dun millón de toneladas de TNT. Despois do descubrimento da fisión cara a finais de 1938, unha serie de científicos (Szilard, Wigner, Einstein e outros) recibiron no 1939 do goberno dos EE UU un crédito inicial para investigar a enerxía nuclear; logo da intervención na guerra, o goberno norteamericano aumentou os orzamentos. O 2 de decembro de 1942 conseguiron poñer en marcha o primeiro reactor nuclear, coa intervención directa de Enrico Fermi. Os traballos para a consecución da primeira bomba nuclear de fisión realizáronse en Los Álamos baixo a dirección de Jacob Robert Oppenheimer baixo o nome de proxecto Manhattan, e a primeira proba realizouse en Alamogordo (Nuevo México) o 16 de xullo de 1945; o combustible empregado foi plutonio 239. O 6 de agosto de 1945 lanzouse unha bomba de uranio 253 sobre Hiroshima (Xapón) e o 9 de agosto do mesmo ano unha bomba de plutonio 239 arrasou Nagasaki (Xapón). Posteriormente a URSS (1949), o Reino Unido (1952), a República Popular da China (1965), Francia (1969), a India (1974) e Paquistán (1998) construíron e probaron as súas propias bombas nucleares. A partir da disgregación da URSS (1991) mantiveron o seu arsenal nuclear Rusia, Bielorrusia, Ucraína e Kazakhstán.
-
bomba bacteriolóxica
Bomba cargada de microorganismos patóxenos susceptibles de ser espallados ao rebentar a carcasa do artefacto.
-
bomba de cobalto
Bomba nuclear na que o aceiro que habitualmente constitúe o corpo se substitue por cobalto sometido a un intenso bombardeo de neutróns. Este bombardeo fai que o cobalto se transforme en núcleo radioactivo de vida media longa (5 anos). Experimentada en 1953, está considerada como unha arma de guerra radioactiva de efecto nocivo extremo, debido a que a permanencia da radioactividade imposibilita a existencia posterior de vida.
-
bomba de hidróxeno/bomba H
Bomba nuclear baseada na fusión de núcleos atómicos.
-
bomba de napalm
Bomba incendiaria que contén unha substancia inflamable composta de gasolina e xabróns de aluminio; esta mestura transforma o combustible nunha xelatina denominada napalm.
-
bomba de neutróns/bomba neutrónica
Bomba de hidróxeno na que os compoñentes están dispostos de xeito que a penetración da radiación neutrónica é maior ca a producida pola explosión nuclear común. A explosión destrúe os seres vivos, pero deixa intacta unha boa parte da materia inorgánica da superficie afectada. A súa orixe data de 1957, aínda que non foi probada ata 1977.
-
bomba explosiva
Bomba provista de carga explosiva. Pódense distinguir diversos tipos: as bombas fragmentadoras basean a súa acción na metralla producida ao esnaquizarse a carcasa; as bombas demoledoras teñen un efecto que é consecuencia da onda de choque producida pola explosión da carga; as chamadas bombas perforantes van provistas de cascos perforadores de blindaxes. Ás veces as bombas explosivas teñen espoletas que permiten prefixar o momento da explosión: son as chamadas bombas de retardo.
-
bomba foguete
Bomba de aviación, autopropulsada grazas á enerxía que produce a combustión dun carburante.
-
bomba incendiaria
Bomba provista dunha carga de fósforo branco, dunha mestura de aluminio e óxido de ferro (termita) ou dunha mestura de aluminio e magnesio (electrón), etc, que se inflama ao estoupar o artefacto pola acción dunha carga explosiva auxiliar.
-
bomba química
Bomba cargada dun produto químico de acción diversa (vesicante, lacrimóxena, sufocante, urticante, etc) que se dispón en forma de aerosol ou vapor ao estoupar o artefacto mediante a acción dunha carga explosiva auxiliar.
-
bomba termonuclear
Bomba nuclear baseada na fusión de núcleos atómicos.
-
bomba voante
Enxeño inventado e fabricado polos alemáns (que fixeron diversas series delas cos nomes de V-1 e V-2) durante a Segunda Guerra Mundial e que constituíu a base do desenvolvemento dos mísiles.
-
s
f
-
-
s
f
Calquera artefacto ou material explosivo que se lanza ou se coloca coa man ou mediante outros métodos.
Ex: Nas festas da miña aldea, en Coiro, botan moitas bombas.
Confrontacións: foguete. -
bomba de man
Nome que tamén recibe a granada de man.
-
bomba de palenque
Foguete de gran tamaño e potencia moi empregado nas festas. Para que a detonación sexa maior os fogueteiros adoitan mesturar dinamita coa pólvora.
-
bomba de plástico
plástico.
-
bomba de reloxería
Artefacto explosivo axuntado a un mecanismo de reloxería que determina o momento da súa explosión.
-
bomba lacrimóxena
Artefacto que, ao estoupar, libera gases lacrimóxenos.
-
s
f
-
bomba volcánica
[XEOL]
Fragmento de lava expelido durante unha erupción volcánica e que no curso dunha traxectoria aérea adquire un movemento de rotación que lle proporciona unha forma arredondada.
-
s
f
Noticia inesperada e explosiva que causa unha gran sorpresa.
Ex: Non esperabamos aquela decisión tan drástica, foi unha bomba para toda a familia.
-
[INFORM]
-
s
f
Debuxo que representa unha bomba a piques de estoupar que aparece na pantalla dalgunhas versións do Mac OS, sistema operativo dos ordenadores Macintosh, cando se produce un problema grave no sistema. Normalmente o ordenador deberá ser reiniciado, perdéndose todo o realizado desde a última vez que se realizou a acción de gardar.
-
bomba de varrido
Envío dunha mensaxe non solicitada a todos os subscritores dunha determinada lista na Internet con finalidade informativa, comercial ou publicitaria. No caso das mensaxes publicitarias esa acción é de dubidosa legalidade, a foi xa motivo dalgunhas demandas nos EE UU.
-
s
f
-
s
f
[HERÁLD]
Figura en forma de esfera, cunha chama saíndo da parte superior.