Bonaval

Bonaval
[PUBLIC]

Revista cultural dirixida por Xoán Manuel Carreira Antelo e cun consello de redacción integrado por Manuel Castelao, Luís Rei Núñez, Xesús M. Valcárcel, Ramiro Fonte, Xulio L. Valcárcel, Ánxel Rey Ballesteros e Lois Rodríguez Andrade. Editou o seu número 0 en Santiago de Compostela en 1979, cunha tirada inicial de 2.500 exemplares e con presentacións en Madrid e Barcelona, pero non tivo continuidade. As súas intencións eran contribuír a superar o minifundio cultural, rescatar textos e autores, publicar traducións, contribuír a internacionalizar a cultura galega e non coartar ningún tipo de colaboración por razóns ideolóxicas, literarias ou lingüísticas. A temática, segundo o proxecto inicial, era moi ampla: pensamento, arte, crítica literaria, teatro, imaxe, urbanismo, musicoloxía, poesía, relatos, etc. As ilustracións corrían a cargo de Alfonso Sucasas. Monolingüe en galego, anunciaba que incluiría textos en catalán e portugués como un claro boicot ao castelán. Nese primeiro e único número apareceron artigos e textos poéticos asinados por Bernardino Graña, Xosé Luís Méndez Ferrín, Arcadio López-Casanova, Carlos Oroza, Xorxe Llorca Freire, Vicente Martínez Risco, Anxo Rey Ballesteros, Manuel Lourenzo, Felipe Martínez Marzoa, Carlos Villanueva e Xoán M. Andrade.