Bonaval, San Domingos de
Convento dominicano situado en Santiago de Compostela no cruce das rúas de san Pedro e das Rodas, fóra da antiga Porta do Camiño. A tradición atribúe a súa fundación a san Domingos de Guzmán quen supostamente peregrinou a Compostela en 1219. Foi fundado ao redor de 1220 baixo a advocación de santa María, mais en 1498 apareceu xa baixo o nome de San Domingos. O templo segue a tipoloxía das igrexas mendicantes, sendo o primeiro templo galego en adoptala. Foi consagrado en 1230 aínda que a finais do s XIII foi reformado baixo a protección do arcebispo dominicano frei Rodrigo González de León, estendéndose as obras ata o último cuarto do seguinte século. A planta é de cruz latina con tres naves e tres ábsidas poligonais, dúas capelas nos extremos dos brazos e dúas máis que se abren á nave. A cabeceira é característica do gótico mendicante: capela maior e dúas ábsidas colaterais de planta poligonal, bóveda de crucería e longos vans oxivais. En 1718 o artesoado de madeira das naves foi substituído por bóvedas de aresta. A mediados do s XVIII engadíuselle un coro alto aos pés, baixo a dirección do arquitecto frei Manuel de los Mártires. Acaroadas ao corpo da igrexa destacan as capelas clasicistas de San Xacinto (1615), trazada por Gaspar de Arce e a do Rosario (1703), reedificada por frei Gabriel de las Casas, así como a barroca de San Domingos Suriano, atribuída a frei Manuel de los Mártires e que actualmente acolle o Panteón de Galegos Ilustres. En 1687, a munificencia do arcebispo dominicano frei Antonio de Monroy permitiu a fabricación dun novo retablo maior trazado por Domingo de Andrade, ilustrado con imaxes de Estevo Cendón Buceta. O mesmo arquitecto reformou o claustro en 1695 que consta de dous pisos, nove arcos por cada lado sustentados por pilastras caixeadas e adornado con sartas de froitas das que penden cruces de Calatrava. Realizou tamén a escaleira de caracol de tres tramos que ascenden sen comunicación entre si. As portadas do templo (1561) e do convento forman ángulo entre si, a conventual é obra de Andrade. Completa o conxunto o seu campanario, inspirado na Torre do Reloxo da catedral compostelá. Trala desamortización o convento foi convertido en Hospicio. Actualmente as dependencias monacais acollen o Museo do Pobo Galego. O conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural en 1912.