Bonellia
Xénero de vermes mariños da clase dos equiuroideos. As femias, cun corpo cilíndrico de ata 15 cm de lonxitude, mantéñense no interior de fendas rochosas das que sobresae só unha longa probóscide de ata 2 m de lonxitude co extremo bifurcado e cunha canle media na que viaxan, mediante movementos musculares e ciliares, ata a boca ventral as pequenas partículas das que se alimenta o animal. Os machos non sobrepasan os 2 mm de lonxitude e viven sobre as femias. As larvas de vida libre son sexualmente indiferenciadas; as que entran en contacto coa probóscide dunha femia convértense en machos, mentres que o resto se desenvolven como femias nunha nova fendedura. Unha femia pode chegar a vivir con máis de 20 machos á vez. A especie B. viridis vive en fondos rochosos das costas atlánticas e mediterráneas.