Bonesana, Cesare

Bonesana, Cesare

Marqués de Beccaria. Xurista e economista interesado polas ideas dos ilustrados e enciclopedistas franceses. No tratado Dei delitti e delle pene (Sobre os delitos e as penas, 1764), incluído no índice de libros prohibidos pola Inquisición no 1766, atacaba o dereito penal da época e os procedementos xurídico-policiais. Consideraba que o dano causado á sociedade era o criterio para determinar a responsabilidade penal do criminal; xa que logo, a pena debería ter unha finalidade preventiva e non represiva. Combateu a pena de morte e contribuíu decisivamente á progresiva desaparición das penas corporais, ademais de ser o primeiro defensor da educación como medio para reducir o crime. O núcleo central das súas ideas foi incorporado ao artigo VIII da “Declaración dos dereitos do home e do cidadán”, redactado e aprobado pola Asemblea Nacional Francesa en 1789. Así mesmo, foi profesor de Dereito Público e Economía na Universidade Palatina de Milán (1768-1770). No ano 1792 escribiu un traballo sobre a moeda milanesa e divulgou unha teoría matemática do contrabando sobre a que se podía fundamentar cientificamente o arancel. Nos seus Elementi di economia politica (Elementos de economía política, 1804), presentaba, sobre unha estrutura cameralista, as teorías de Robert-Jacques Turgot sobre o xuro e as de Adam Smith sobre a división do traballo. Dende 1772 pertencía ao Consiglio Superiore di Economia Pubblica de Lombardía.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Milán

  • Deceso