Bonet Correa, Antonio
Historiador da Arte. Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (1948) e doutor pola Universidad Central de Madrid (1957). Foi axudante de cátedra de Historia da Arte na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela (1949-1951). Obtivo a diplomatura en Museoloxía pola Escola do Louvre (1951-1952) e exerceu como axudante da cátedra de Historia da Arte da Idade Media na Universidade da Sorbonne ata 1957. Nese ano defendeu a súa tese Arquitectura en Galicia durante el siglo XVII, obtendo o Premio Nacional Menéndez Pelayo, o que lle valeu a súa publicación polo Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en 1965. Foi axudante de Historia Xeral da Arte da Faculdad de Filosofía e Letras de Madrid (1957-1959), investigador do Instituto Diego Velázquez do CSIS (1963-1965), profesor interino no Instituto Cardenal Cisneros de Madrid (1957-1959), profesor adxunto á cátedra de Historia da Arte na Universidad Central (1959-1962) e profesor de Historia da Arte na Escola Superior de Arquitectura de Madrid (1962-1964). En 1965 gañou a cátedra de Historia da Arte da Universidad de Murcia, facendo o propio dous anos despois coa de Historia da Arte Hispanoamericana da Universidad de Sevilla. Dirixiu o Museo de Bellas Artes de Sevilla (1965-1967), pasando en 1968 a desempeñar a Xefatura do Servicio Regional de Información Artística, Arqueológica e Etnológica dese distrito universitario. No ano 1973 obtivo a cátedra de Historia da Arte da Facultade de Filosofía e Letras da Universidad Complutense de Madrid. Durante o curso 1974-1975 foi invitado como profesor extraordinario pola Universidade francesa de Estrasburgo. Foi vicerrector da Universidad Complutense (1981-1983), tomando posesión en 1982, por traslado, da cátedra de Historia da Arte Española da Facultade de Xeografía e Historia da devandita universidade, na que permaneceu ata que, trala súa xubilación en 1991, pasou a ser Catedrático Emérito. Pronunciou conferencias e cursos en moitas universidades europeas e americanas. É académico correspondente das Academias de Santa Isabel de Hungría (Sevilla), Letras y Artes de Extremadura e de San Telmo (Málaga), e académico de número da de San Fernando (Madrid). En 1977 foi nomeado Cabaleiro das Palmas Académicas do Ministerio de Educación de Francia. Foi presidente da Asociación Española de Crítica de Arte (1981) e do Congreso Español de Historia da Arte (1988-1992), comisario de numerosas exposicións e colaborador da UNESCO. É vogal do Consello Asesor do Patrimonio Nacional, do Padroado da Academia de Historia, Arqueoloxía e Belas Artes en Roma (1989) e do Premio Príncipe de Asturias das Artes, así como asesor da Fundación Colección Thyssen-Bornemisza e membro do Consello de Fábrica da Catedral de Santiago de Compostela (1993). É autor de numerosas obras entre as que destacan: Ovidio Murguía. Estudio y catálogo de su obra (1952), El urbanismo barroco y la plaza del Obradoiro en Santiago de Compostela (1959), Iglesias madrileñas del siglo XVII (1961), Arte prerrománico asturiano (1967), El Barroco en España y México (1967), Morfología y ciudad (1978), Santiago de Compostela: la vía del peregrino (1985), El Santuario de Nuestra Señora de Las Ermitas (1987), Las claves del urbanismo (1989), Fiesta, poder y arquitectura. Aproximaciones al barroco español (1990), Figuras, modelos e imágenes en los tratadistas españoles (1993), Arte y luz (1995) e Ingeniería y naturaleza (1996). Colabora en publicacións especializadas como Goya, Annales, Sciences et Civilisation ou Archivo Español de Arte.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña