Bonifaci Calvo
ou Bonifaz de Genua Trobador do que se conservan dezanove textos que se insiren no lirismo provenzal e dous en lingua galego-portuguesa. Malia non existir ningún tipo de documentación que proporcione datos da súa vida, a crítica especializada identifícao co xenovés Bonifaci Calvo que estivo na corte castelá de Afonso X o Sabio nos primeiros anos do seu reinado e que chegou á Península Ibérica co embaixador Nicolao Calvo, diplomático coñecido porque en 1251 conseguiu que o Rei Fernando III consentise o asentamento dunha colonia de xenoveses en Sevilla. Esta identificación vén confirmada por algunhas das composicións transmitidas nos cancioneiros provenzais: en catro dos seus poemas menciona con eloxio a figura de Afonso X e, ademais, na corte deste Rei escribe, entre 1253 e 1254, tres sirventeses que teñen como tema os asuntos políticos do monarca con Navarra e Gascoña. Da relación do trobador coa lírica galego-portuguesa dan conta unha serie de feitos. En primeiro lugar, hai que destacar un sirventés trilingüe (“Un nou sirventes ses tardar”) no que as estrofas I e III están escritas en occitano, a IV en francés e a II en galego-portugués. En segundo lugar, Airas Moniz d’Asme na cantiga “Pois mi non val d’eu muit’amar” parodia a cançó “Tant auta domna·m fai amara / Amor do poeta occitano”, feito que apunta cara a unha posible relación entre os dous trobadores ou un coñecemento, polo menos por parte dun deles, das respectivas obras. Ademais no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e no Cancioneiro da Ajuda -no primeiro deles baixo a rúbrica atributiva correspondente- transmite dúas cantigas de amor, unha delas de mestría e a outra de refrán; os dous poemas desenvolven o tema da coita que sente o namorado por un amor non correspondido e algúns dos motivos asociados a este topos como o “pavor” ou a “perda do sen”. A de mestría (“Mui gram poder á sobre mi Amor”) está formada por catro estrofas singulares de sete versos e nela destaca o complicado sistema de rimas empregado que lembra a artificiosidade de moitos poemas provenzais; a de refrán (“Ora non moyro, nen vyvo, nen sey”) responde perfectamente ao esquema de cantiga máis representativo da escola galego-portuguesa, isto é, tres estrofas singulares de catro versos máis dous que forman o refrán. Estes dous textos amosan claramente a total integración dun trobador estranxeiro nunha realidade allea: cunha lingua que non era a súa e cuns preceptos que rexían o lirismo do occidente románico, diferentes nalgúns aspectos aos que imperaban no lirismo occitano.