Bonifacio

Bonifacio
[ONOM]

Prenome masculino procedente do latín Bonifacius, derivado de bonum facio ‘fago ben’; xa que logo, ‘benfeitor’. Algúns investigadores din, pola contra, que procede de Bonifatius, nome derivado de bonum fatum ‘bo fado, bo destino’. San Bonifacio de Maguncia (672-754), o apóstolo da Xermania, foi arcebispo de Utrecht e Maguncia; e san Bonifacio de Tarso (s III) foi, segundo a Lenda dourada, martirizado e decapitado nesta cidade asiática baixo Diocleciano (300), ao ser denunciado por cristián logo de ter mantido relacións cunha dama nobre. Nove papas levaron tamén este nome, desde Bonifacio I (418-422) a Bonifacio IX (1389-1404), inda que só un deles, Bonifacio IV (608-615), chegou a santo. A festa de san Bonifacio de Maguncia celébrase o 5 de xuño. A reforma litúrxica posterior ao concilio Vaticano II eliminou un san Bonifacio, que se celebraba o 14 de maio, do calendario litúrxico universal.