Bonn

Bonn

Cidade da land de Renania do Norte-Westfalia, Alemaña, na beira esquerda do Rin (304.841 h [1998]). Esténdese sobre os outeiros que constitúen o extremo do Macizo Xistoso Renano. O crecemento que experimentou debeuse á súa conversión en capital da República Federal de Alemaña (RFA) despois da Segunda Guerra Mundial; para acoller as funcións capitalinas edificouse un barrio de ministerios e oficinas públicas ao redor do palacio federal, sede do Bundestag (parlamento federal), situado ao S da cidade e á beira do Rin. A maior parte das representacións diplomáticas estranxeiras, así como os altos funcionarios dos organismos da administración, tiñan a súa sede na veciña cidade de Bad Godesberg. A súa actividade industrial ten pouca importancia, aínda que Bonn forma parte dunha das dúas áreas alemanas de concentración da industria téxtil: a que abrangue desde Bonn-Düren-Aquisgrán ata Bielefeld-Münster-Osnabrück, con centro en Krefeld. Ten tamén industria metalúrxica, fábricas de máquinas de escribir e material de oficina, produtos químicos e farmacéuticos, cerámica, porcelana e tabaco. Bonn é un importante centro cultural; dispón dunha universidade fundada no ano 1818: a Rheinische Friedrichwilhelms-Universität (Universidade Renana de Federico Guillerme), instalada no pazo dos electores de Colonia, e é sede de numerosas asociacións e institutos científicos. Non obstante , antes da súa designación como capital alemana, un dos factores que máis contribuíron ao seu desenvolvemento foi a súa condición de porto fluvial sobre o Rin. O seu carácter capitalino provocou á súa vez un incremento notable do tránsito do seu aeroporto, que comparte coa cidade de Colonia. A súa expansión viuse refrendada co xurdimento dunha cidade satélite na súa periferia, Meckenheim-Merl, núcleo obreiro e industrial. Entre os monumentos de Bonn sobresaen o Münster, colexiata románica (ss XI-XIII), e a casa da cidade (s XIII). As dotacións culturais teñen como máximos expoñentes a Beethovenhalle (1957-1959) e o Rheinisches Landesmuseum (Museo Rexional Renano), que contén unha interesante colección de arte. Antiga cidade dos ubios, posteriormente foi transformada en fortaleza romana co nome de Bonna ou Castra Bonensia. En 1273 converteuse en sé episcopal. Desde mediados do s XIII ata 1794 foi a residencia dos príncipes electores de Colonia. Foi ocupada polos franceses no 1801, pasando a xurisdición prusiana tralo Congreso de Viena (1814). En 1948 foi sede da conferencia das potencias occidentais (Francia, Reino Unido e os EE UU), que decidiron a organización da futura República Federal de Alemaña, da que Bonn se converteu en capital no ano 1949. Trala reunificación de Alemaña (1990) transferiuse de novo a capitalidade a Berlín, aínda que Bonn seguiu acollendo provisionalmente algunhas funcións administrativas. O traspaso definitivo concluíu no 2000 coa inauguración da sede berlinesa do Bundestag, instalado no antigo Reichstag (parlamento imperial) restaurado. Non obstante , en 1991 decidiuse manter o Bundesrat (consello federal ou cámara de representación territorial) en Bonn.