Bophuthatswana
Antigo bantustán da República Sudafricana, constituído por seis territorios illados no interior da provincia de Transvaal, agás un que limita con Botswana (44.000 km2; 1.741.000 h [1985]). Establecida como bantustán autónomo dende 1972, o 6 de decembro de 1977, en virtude dunha decisión do goberno sudafricano, proclamou oficialmente a súa independencia, erixíndose en República de Bophuthatswana, aínda que non foi recoñecida oficialmente por ningún outro estado, nin polas Nacións Unidas, nin pola Organización para a Unidade Africana. A súa capital era Mmabatho. A declaración de independencia implicaba para os seus habitantes nativos a perda da cidadanía sudafricana. Con poboación maioritariamente tswana (68,8%), existían outras minorías de xhosas, sothos e zulús. O tswana, o inglés e o afrikaans tiñan carácter de linguas oficiais. A relixión principal era a cristiá (nas confesións católica, anglicana, metodista e luterana). O goberno estaba rexido por un Presidente elixido pola Asemblea Lexislativa (composta por 99 membros). A economía estaba baseada na gandería principalmente, e na minería, sobre todo platino, do que era o principal produtor mundial. A maior parte da súa poboación activa acudía diariamente a traballar á República Sudafricana. Establecida polo goberno sudafricano como parte da súa política segregacionista de apartheid, ao abolirse o sistema (1991) e entrar en vigor a nova Constitución (1993), que reintegraba Bophuthatswana á República Sudafricana, produciuse unha revolta das autoridades locais que foi sufocada polo goberno, que se fixo cargo da administración directa do territorio (1994).