Borbón
Dinastía de orixe francesa que gobernou en Francia (1589-1792, 1814-1830, despois desta data algún membro da dinastía reinou ata 1848), España (1700-1808, 1814-1868, 1874-1931 e dende 1975), Nápoles e Sicilia (1734-1808), no Reino das Dúas Sicilias (1816-1860), Etruria (1801-1807) e nos ducados de Parma (1731-1735, 1748-1802, 1847-1859) e de Lucca (1815-1847).
Orixe da dinastía
A casa de Borbón, en francés Bourbon, é unha rama da casa francesa dos Capetos. Todos os Borbóns proveñen do Rei Luís IX (1214-1274), Capeto en liña directa, a través do seu sexto fillo Roberto, conde de Clermont (1256-1317) que casou con Beatriz de Borbón, herdeira do señorío de Bourbon-l’Archambault, hoxe no departamento de Allier, ao extinguirse a liña de sucesión masculina. En 1327 o Rei Carlos IV converteu o señor de Borbón, Luís o Grande (1279-1342), en duque de Borbón e par de Francia. Da descendencia deste primeiro duque de Borbón naceron dúas ramas da familia: a rama primoxénita procedente de Pedro I (1311-1356), duque de Borbón, e a secundoxénita, procedente do seu irmán Xacobe (1315?-1361), conde de La Marche. O título de conde de Borbón, seguindo a rama primoxénita, pasou en 1503 a Carlos, conde de Montpensier (1490-1527), casado con Suzanne (1491-1521), herdeira do condado de Borbón. Condestable de Francia, traizoou ao Rei Francisco I de Francia e á súa morte en 1527, as súas posesións pasaron á coroa francesa. A cabeza da casa de Borbón trasladouse entón á rama secundoxénita, á liña La Marche-Vendôme, na persoa de Antón, duque de Vendôme, xefe da casa dende 1537. Casado con Xoana d’Albert, Raíña titular de Navarra, foi Rei consorte de Navarra. O seu fillo Enrique (1553-1610) foi Rei de Navarra dende 1572 e accedeu ao trono de Francia trala morte do derradeiro Rei da casa dos Valois en 1589, que substituíra aos Capeto en 1328. De Luís (1530-1569), príncipe de Condé e tío de Enrique IV, descende a Casa de Condé, coas súas ramificacións de Soissons e Conti. De Enrique IV descenden todos os soberanos Borbóns de Francia, España, Parma e as Dúas Sicilias.
Os Borbóns de Francia
Os herdeiros de Enrique IV foron reis de Francia de xeito ininterrompido dende o ascenso ao trono do seu fillo Luís XIII en 1610 ata 1792, data da revolución. Luís XIII (1601-1643) tivo dous fillos, Luís XIV (1638-1715) e Filipe (1640-1701), duque de Orleans, que orixinaron dúas novas ramas na familia. Os descendentes directos de Luís XIV reinaron en Francia ata 1830, coa excepción do período 1792-1814. Foron reis de Francia: Luís XV (1710-1774), Luís XVI (1754-1793), Luís XVII (1785-1795), Luís XVIII (1755-1824) e Carlos X (1757-1836), quen abdicou en 1830 por causa da revolución. Recibiu entón o trono Luís Filipe I de Orleans (1773-1850), Rei de 1830 a 1848, descendente do duque Filipe de Orleans e único monarca francés da casa Borbón-Orleans. Os descendentes de Luís Filipe inclúen os pretendentes ao trono francés e os descendentes de Isabel (1846-1921), herdeira do derradeiro Emperador do Brasil, Pedro II (1825-1891), derrocado en 1889. Esta rama dos Borbón-Brasil reciben tamén o nome de Orleans-Braganza pero non é a mesma que os Borbón-Braganza de España.
Os Borbóns de España
A casa de Borbón converteuse en dinastía reinante en España en 1700 coa chegada ao trono de Filipe (1683-1746), duque de Anjou e neto do Rei Luís XIV de Francia, trala morte sen descendencia directa de Carlos II de Austria. Bisneto de Filipe IV (a súa filla a infanta María Teresa casara con Luís XIV) foi nomeado por Carlos II como o seu sucesor reinando co nome de Filipe V (1700-1724, 1724-1746). Del descenden os monarcas españois da casa de Borbón: Luís I (1707-1724), Fernando VI (1746-1759), Carlos III (1759-1788), Carlos IV (1788-1819), Fernando VII (1808, 1814-1833), Isabel II (1833-1904), Afonso XII (1874-1885), Afonso XIII (1902-1931) e o actual Xoán Carlos I (1975-). Despois da Guerra de Sucesión, a casa de Borbón gobernou ininterrompidamente dende 1700 ata 1808, data da invasión francesa e da posterior guerra de Independencia, dende 1814 ata 1868, interrompida pola monarquía de Amadeo de Savoia e a Primeira República, e dende 1868 ata 1931, data de inicio da Segunda República. En 1975 foi restaurada a monarquía na persoa de Xoán Carlos I de Borbón, neto de Afonso XIII. De Filipe V naceron outras ramas da familia. O seu fillo, o infante Carlos, futuro Carlos III, foi o fundador dos Borbóns en Italia, Borbone en italiano. Foi duque de Parma (1731-1735) por liña materna, xa que a súa nai Isabel de Parma era herdeira dos últimos duques Farnesio. En 1734, durante a guerra de sucesión polaca, conquistou o Reino de Nápoles-Sicilia, do que foi Rei ata 1759. Para poder ser recoñecido como monarca deste reino tivo que renunciar ao ducado de Parma que pasou ao seu irmán Filipe, duque de Parma dende 1748 ata 1765 e iniciador da casa Borbón-Parma. Tras converterse en Rei de España en 1759, Carlos III cedeu o Reino de Nápoles e Sicilia ao seu terceiro fillo, Fernando, Rei de Nápoles ata 1808 e do que descenden os Borbón-Dúas Sicilias. Coa unificación italiana baixo a casa de Savoia, os Borbóns deixaron de reinar en Italia. Do infante Gabriel (1752-1788), fillo do Rei Carlos III, casado con Mariana Xosefa de Portugal descenden os Borbón-Braganza. Do Rei Carlos IV naceron dúas novas ramas da familia: do infante Carlos María Isidro (1788-1855) xurdiron os carlistas, pretendentes ao trono español, e do infante Francisco de Paula (1794-1865), duque de Cádiz, descende a rama de Cádiz-Sevilla.
Os Borbóns de Etruria
O Reino de Etruria (1801-1807) foi unha creación do período napoleónico. Foi ideado por Francia para a casa de Borbón-Parma en compensación pola anexión de Parma a Francia, nun momento no que o estado francés necesitaba das boas relacións cos Borbóns españois. Foi disolto trala caída de Napoleón.
Os Borbóns de Luca
O ducado de Lucca (1815-1847) foi creación do Congreso de Viena para os Borbón-Parma, como compensación pola cesión do ducado de Parma a María-Luísa, separada consorte de Napoleón, para o resto da súa vida. Trala morte de María-Luísa, o Tratado de París (1817) fixou que Parma volvese aos Borbóns e estes renunciaron a Lucca en 1847 en favor dos Habsburgo de Tuscania.
As ramas bastardas dos Borbóns
Entre as ramas bastardas da casa de Borbón atópanse: a de Vendôme, orixinaria de César de Borbón, o fillo natural máis vello de Enrique IV e Gabriela d’Estrées; a de Borbón-Busset, nacida de Luís (1438-1482), bispo de Liexa e fillo do duque Carlos I de Borbón; a de Borbón-Lavedan, orixinaria de Carlos, vizconde de Lavedan e fillo do duque de Borbón, Xoán II (1427-1488); a de Maine, xurdida de Luís Augusto, fillo natural de Luís XIV e Madame de Montespan; e a de Penthièvre, nacida de Luís Alexandre, conde de Toulouse e duque de Penthièvre, irmán máis vello, lexitimado de Luís Augusto.
Armas
A casa de Borbón ten en campo de azur tres flores de lis de ouro ben ordenadas. A Casa Real española engade bordo de goles.