Borbón-Parma, Xavier de

Borbón-Parma, Xavier de

Duque de Parma (1974-1977). Fillo do duque Roberto I e da súa segunda muller, María Antonia de Portugal. Sucedeu o seu sobriño Roberto II como duque de Parma e xefe desta casa. Durante a Primeira Guerra Mundial foi oficial de artillería do exército belga, e participou xunto co seu irmán Sisto nas negociacións secretas entre o seu cuñado, o Emperador Carlos de Austria, e os aliados. Pretendeu durante algún tempo o trono de Francia, escribiu artigos e algún libro nos que facía valer as orixes francesas da súa familia. En 1936, ao morrer Afonso Carlos de Borbón, foi nomeado rexente da Comunión Tradicionalista e encargado de nomear o sucesor da coroa española. En 1937 manifestou a súa adhesión a Franco, pero en 1945 firmou un manifesto pedíndolle que se retirase. Na Segunda Guerra Mundial organizou en Francia un núcleo de resistencia, sendo deportado a diferentes campos de concentración. En 1952 foi proclamado Rei en Barcelona por un grupo de partidarios. En 1975 renunciou aos seus pretendidos dereitos á coroa española en favor do seu primeiro fillo, Carlos Hugo.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Camaiore, Italia

  • Deceso

    Lugar : Cuera, Suíza