Bordeos

Bordeos
Nome científico: [occit Bordèu; fr Bordeaux]

Capital do departamento de Gironde, na Gascoña, Francia, á beira do río Garonne (213.274 h; 1.009.271 h na aglomeración urbana [1990]). Está baixo un dominio climático oceánico continental, cunha temperatura media anual de 13,6°C e unha grande amplitude térmica (a temperatura media do mes de xaneiro está nos -7°C, mentres que no mes de xullo acada os 34,8°C). En canto aos rexistros de precipitacións, chégase aos 944 mm de media anual, sendo 164 o número de xornadas de chuvia. Centro industrial e comercial, posúe refinerías de petróleo, aceite e azucre, industria metalúrxica e química. O porto, un dos máis importantes de Francia, situado no esteiro do Garonne importa carbón, fosfatos, madeiras tropicais e nórdicas, aceite e azucre, e exporta produtos manufacturados e viños. Co nome xenérico Bordeos coñécense os diversos viños producidos nesta área vitivinícola que é a máis influente e unha das máis prestixiosas do mundo e berce dos tipos de uva tintos máis exitosos e apreciados na actualidade: Merlot e Cabernet Sauvignon. Aínda que protexida por Denominacións de Orixe, a referencia máis válida son os nomes das propiedades (château). Os mellores viños son catalogados como Premier Cru. As zonas máis importantes son Médoc-Graves (dentro do Alto Médoc, na que se recollen os máis lendarios châteaux: Lafite, Latour, Margaux, Mouto-Rothschild, etc) e Saint Emilion-Pomerol (onde se cultiva o non menos lendario château Petrus). Centro de ensino superior que conta coa Université de Bordeaux, fundada en 1441. É ademais unha encrucillada ferroviaria, de estradas e ten aeroporto internacional. Entre os seus monumentos atópanse os restos do anfiteatro romano (s III), a catedral (ss XII-XV) e as igrexas de Saint-Seurin (ss XII-XV) e Saint-Michel (ss XIV-XVI). Habitada polos bitúrigos viviscos (vivisci), foi conquistada polos romanos en tempos de César e recibiu o nome de Burdígala ou Burdégala. Durante o Baixo Imperio foi a capital da Aquitania Secunda. Despois da dominación visigótica e franca pasou a dominio de Inglaterra (1154-1453). Durante os tres séculos de dominación inglesa Bordeos desenvolveu moito o comercio marítimo (exportación de viños de Bordeos), e foi un dos principais portos do continente.   Liberada pola coroa de Francia trala batalla de Castillon (1453), a cidade recibiu un trato moi duro do monarca Carlos VII, a causa da súa anglofilia. Non recuperou as liberdades ata a subida de Luís XI ao trono. Non obstante , rebelouse en numerosas ocasións contra o poder central durante o s XVII. Un século despois medrou rapidamente por mor do comercio con África e América. En tempos da Revolución foi a capital dos xirondinos e o Réxime do Terror implantouse severamente. Baixo Napoleón I, o comercio reduciuse moito polas loitas con Gran Bretaña e o Bloqueo Continental, feito que explica tamén a súa adhesión aos Borbóns no 1814. Durante a guerra franco-alemana (1870-1871) e as dúas guerras mundiais chegou a ser a sede do goberno francés.