Borges Blanques, les
Municipio da provincia de Lleida, Catalunya, cabeceira da comarca de Les Garrigues (5.190 h [1996]). A súa base económica é a agricultura, predominando o cultivo das oliveiras, dos cereais e das froiteiras. A gandería céntrase no armentío porcino e nas aves de curral. As actividades industriais redúcense á transformación dos seus produtos agropecuarios, destacando a refinería de aceite e algunha factoría téxtil. É sede dun centro de investigación dos cereais. A autoestrada do Ebro e a estrada de Tarragona a Lleida atravesan o termo. Dependente de Lleida durante a Idade Media e o Antigo Réxime, debeu o seu crecemento ao desenvolvemento da industria aceiteira ao remate do s XIX (o seu aceite, tradicionalmente moi apreciado, posúe Denominación de Orixe dende 1998). Durante a Guerra Civil Española, e despois da batalla do Ebro, as forzas do xeneral republicano Enrique Líster, comunista galego, resistiron na cidade fronte ao asedio do exército nacional ata o 5 de febreiro de 1939; con todo, o seu patrimonio viuse minguado por mor dos combates.