Borghese
Familia nobre italiana orixinaria de Siena. O Papa Paulo V pertencía a esta familia. O seu sobriño, Marco Antonio Borghese (morto no 1658), foi nomeado príncipe de Sulmona, no Reino de Nápoles-Sicilia (1607). No 1633 herdou dos Savelli o Ducado de Poggio-Nativo, o Papa Urbano VIII dooulle o Ducado de Palombara (1636), e no 1637 concedéuselle o título de Grande de España. Nos ss XVII e XVIII a familia Borghese incorporou aos seus dominios os principados de Rossano (1681) e Meldona (1723), e o Ducado de Giuliano (1768); así mesmo, entroncou mediante enlaces matrimoniais con ilustres familias como os Aldobrandini (1638) e Salviati (1768). Camillo Borghese, sexto príncipe de Sulmona (morto no 1832), e marido de Paulina Bonaparte, foi gobernador do Piemonte francés (1807-1814). O seu irmán Francesco Borghese, príncipe de Aldobrandini, logo da morte de Camillo, dividiu as herdanzas dos Borghese, Aldobrandini e Salviati entre os seus fillos Marco Antonio, Camillo e Scipione Borghese, dos que descenden as tres liñas actuais.