Borgoña

Borgoña

Nome de diversas entidades xeográficas, políticas e administrativas que se sucederon dentro da área xeral dos vales do Rhône superior e do Saône, penetrando dabondo, con diferente profundidade, dentro da conca do Sena e estendéndose ocasionalmente polo Rôhne abaixo ata o mar, ou ao pé mesmo dos Alpes ata penetrar nas concas do Rin e do Po. É unha rexión na que se distinguen diversas áreas: a setentrional, denominada Baixa Borgoña, drenada polos ríos Yonne e Armançon; a occidental, que se estende sobre unha parte do macizo do Morvan; a área oriental ou Alta Borgoña, que descende ata as terrazas do río Saône; e a meridional, onde se atopa a rexión industrial de Montceau-les-Mines e Le Creusot. Co nome xenérico Borgoña desígnanse os diversos viños producidos no NO francés, na Alta Borgoña (Côte d’Or), na Baixa Borgoña (Chablis, Irancy), no Mâconnais e no Beaujolais, e que están protexidos por un complexo sistema de Denominación de Orixe (tanto se aplica a unha comarca como a unha veiga en particular: no caso dos mellores viñedos reciben a apelación Grand Cru, o segundo nivel de calidade é o Premier Cru, e así ata cinco niveis). Gozan de excepcional prestixio os seus tintos e os máis representativos son os de Côte d’Or: na Côte de Beaune os viños lixeiros (Volnay, Beaune, etc) e na Côte de Nuits os de máis corpo, como o Chambertin e o Chambolle-Musigny ou Romanée. A uva tinta máis reputada é a Pinoit Noir. Tamén merecen mención os Beaujolais. Entre os brancos, cómpre destacar que esta zona é o berce da uva branca máis apreciada na actualidade: a Chardonnay. Gozan de gran recoñecemento os de Chablis e da Côte de Beaune, entre os que se debe salientar o de Montrachet. Ao remate do s II a C os eduos asentáronse na maior parte deste territorio. Posteriormente, dominárona os romanos. Os burgundios ocupárona na segunda metade do s V, e fundaron o seu reino. En 534 foi conquistada polos francos e integrada na súa monarquía, establecéndose o Reino de Borgoña en 561, que se incorporou ao Imperio Carolinxio en 771. Trala repartición de Verdún (843), a parte occidental foi anexionada ao Reino de Francia, erixíndose en ducado. Este ducado foi o núcleo patrimonial orixinario da casa dinástica dese nome. Dous vástagos desta liñaxe, Reimundo e Enrique de Borgoña, casaron con fillas do Rei Afonso VI. Reimundo recibiu o condado de Galicia en 1090; cinco anos máis tarde escindiuse o condado de Portugal ao pasar a Enrique e Tareixa, sendo o paso previo á súa posterior independencia. A gobernación de Borgoña, que incluía a Bresse e Bugey, desapareceu co triunfo da Revolución Francesa, que suprimiu a xurisdición señorial e instaurou unha organización territorial departamental baixo a administración das autoridades e institucións republicanas.