Born, Max
Físico alemán. Foi profesor de Física Teórica nas universidades de Berlín (1916) e Frankfurt (1919), e director do Instituto de Física Teórica de Göttingen (1921). Exiliado de Alemaña (1933), ensinou nas universidades de Cambridge e de Edimburgo, ata o final do réxime nazi. Fixo contribucións básicas á teoría das calores específicas (1912) e ao estudo das forzas de cohesión nos sólidos (1919). Baseándose nas ideas de Heisenberg desenvolveu, en colaboración con Pascual Jordan, a mecánica das matrices. En 1926, pouco despois de que Schrödinger presentase a súa mecánica ondulatoria, propuxo a interpretación probabilística da Mecánica Cuántica, pola que foi galardoado co Premio Nobel de Física en 1954, que compartiu con W. W. Bothe. En Mecánica Cuántica, ideou a aproximación de Born. A partir dos traballos de L. Infeld (1934), elaborou con W. Peng unha teoría cuántica do campo electromagnético en 1943.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Breslau, Silesia -
Deceso
Lugar : Göttingen, Baixa Saxonia