Bornu
Rexión da conca do lago Chad, ao NL de Nixeria, que abrangue unha superficie duns 250.000 km2). O territorio, de area e arxila, está atravesado polos ríos Komadugu Yobe, Komadugu Gana e Ngadda, que verten ao lago Chad. Posúe unha vexetación de estepa ao N e de sabana e bosque claro ao S. Os principais recursos económicos son a agricultura (cultivo de cacahuetes e algodón) e a gandería bovina e equina. Está poboada por kanuris, tuaregs e árabes. O Islam é a relixión maioritaria. As principais localidades son Maiduguri e Nguru (terminais de ferrocarril), Potiskum, Damaturu e Dikwa. As primeiras noticias do antigo imperio de Bornu datan do s IX, cando foi invadido polos sewafos, e o primeiro Rei (mai) foi Dugu, da dinastía Sayfiyya (cara ao 800). Un dos reis desta dinastía, Houmé (1085-1097), converteuse ao Islamismo. Os seus sucesores estableceron relacións comerciais con Tunisia, Exipto e outros pobos do Mediterráneo, o que explica o desenvolvemento económico e político da rexión e o nacemento do primeiro centro comercial: Njimi, capital do imperio ata o s XIV. Despois dun período de inestabilidade por disputas dinásticas e ataques de pobos veciños, o Reino de Bornu restableceu o seu poder baixo o reinado de Ali Dunamani (1475-1505), e N’gazargamu converteuse na nova capital (1470-1812). A posesión de armas de fogo permitiulle ao mai Idris III (1571-1603) facer de Bornu a maior potencia do lago Chad, e acadar a vasalaxe do Kanem, Kano e os pobos mandara. A perda destes territorios produciu a decadencia deste reino a mediados do s XVIII. En 1808 os fulbes atacaron Bornu expulsando o mai da capital; neste momento o imperio foi salvado por Mohamed al-Amin al-Kanemi, que desterrou os fulbes e chegou a ser o xefe do país. Os seus sucesores mantivéronse no poder ata 1893, cando o país foi conquistado por Rabah Zubayr, que se opuña á penetración francesa. En 1900 foi vencido e Bornu quedou baixo a influencia europea. En 1902 o territorio dividiuse entre Francia, Gran Bretaña e Alemaña. Despois de 1919 a zona alemá pasou a Gran Bretaña. A maior parte do antigo Reino de Bornu constitúe a Nixeria actual, mentres o resto quedou integrado no Níxer.
