Boston

Boston

Capital do estado de Massachusetts, EE UU, á beira da desembocadura dos ríos Charles e Mystic no Océano Atlántico pola baía de Massachusetts (558.394 h [1996]). Ao seu redor medrou unha área metropolitana conurbada, Boston-Salem, que multiplica por dez a súa poboación (5.563.475 h [1996]). O núcleo fundacional da cidade estaba situado nunha península da baía de Massachusetts. O crecemento demográfico levouna a espallarse por outras penínsulas, comunicadas por pontes: formáronse así ao O os barrios residenciais do West End e Back Bay, ao tempo que se incorporaban ao núcleo urbano diversos municipios limítrofes: Charleston ao N, South Boston ao S, East Boston ao NL e Brighton, Dorchester, Hyde Park, Roxbury e West Roxbury ao N, onde tamén se edificaron novas cidades satélite (Chelsea, Revere, Everett e Malden) co obxectivo de afastar do centro os sectores industriais. Por este motivo as instalacións portuarias desprazáronse onda elas. A área metropolitana inclúe ademais diversas cidades e distritos residenciais (Cambridge, Brookline, Quincy, Newton e Lynn). A principal función de Boston é a actividade comercial, reflectida claramente no movemento do seu porto, un dos máis activos do Atlántico, unido por unha densa rede de ferrocarrís e autoestradas a toda a faixa industrial da Nova Inglaterra e da rexión dos Grandes Lagos. O auxe portuario estivo acompañado pola chegada de inmigrantes irlandeses, nórdicos, xudíos e italianos. Trátase dun dos primeiros mercados mundiais de la, coiro e peletería. A segunda función urbana de Boston é a actividade bancaria, que o converten no centro financeiro máis destacado dos EE UU despois de Nova York. Tamén é moi importante a actividade industrial, moi diversificada, destacando nos sectores téxtil, do coiro, caucho, papeleiro, editorial e de artes gráficas, refinería de petróleo, construción naval, electrónico, aeronáutico, aeroespacial e de telecomunicacións. É sede dos centros de ensino superior máis prestixiosos da costa oriental dos EE UU: a Harvard University, situada no distrito de Cambridge e fundadada en 1636, e a Boston University, creada en 1839, ademais das tamén centenarias Northeastern University (1898) e Simmons College (1899). Posúe aeroporto internacional (Logan). A cidade foi fundada en 1630 por John Winthrop, administrador da Massachusetts Bay Company. En 1770 tivo lugar a denominada Boston Massacre cando as forzas británicas mataron cinco bostonianos, e en 1773, a Boston Tea-party, destrución do cargamento de té contido en tres barcos para protestar contra o imposto desta mercadoría. Inmediatamente a metrópole pechou o porto de Boston e suspendeu a Constitución de Massachusetts. En marzo de 1776, despois dunha longa loita, Boston foi tomada por Washington. A cidade loitou a carón dos exércitos da Unión durante a Guerra de Secesión.