botafumeiro
(< botar + fumeiro)
-
s
m
Obxecto que consiste nun recipiente con tampa e unhas cadeas, no que se queima incenso e co que se espalla polo templo; pode ser de man ou estar colgado do teito.
Ex: Nas misas dos domingos do ano santo compostelán sempre sacan o botafumeiro.
Confrontacións: incensario. -
s
m
Nome tradicional do incensario de grandes dimensións que se emprega na catedral de Santiago de Compostela. Está sostido por unha armazón de ferro dourado colocada na cúpula da nave central e apoiada nos catro capiteis que parten dos ángulos da pendente. Para bambealo precísanse seis homes e no seu voo describe un semicírculo de 80 m de diámetro. A súa función orixinal era purificar o aire do templo ante a aglomeración de peregrinos que visitaban a tumba do Apóstolo, e que ata a construción do hospital real no s XIV, pernoctaban na súa tribuna. É o máis grande de todos os incensarios do mundo e arrandéase ao longo da nave do cruceiro, de N a S, entre as portas da Azabachería e das Praterías. Está feito de latón prateado e pesa arredor de 80 kg. O botafumeiro que había no século XVI era unha especie de gran caldeiro de prata, feito con outros incensarios existentes na capela da catedral, e desapareceu durante a Guerra da Independencia de 1809, supoñéndose que as tropas napoleónicas se apoderaron del, feito que non puido ser comprobado. O actual botafumeiro reemprazou en 1851 ao desaparecido en 1809.