Botana, Henrique Heraclio

Botana, Henrique Heraclio

Tipógrafo, sindicalista e político socialista. En 1897 converteuse no dirixente da agrupación socialista de Vigo e en 1901 accedeu á dirección do voceiro socialista local Solidaridad. Promoveu o primeiro congreso obreiro da Unión Galaico-Portuguesa. En 1904 presidiu o Primeiro Congreso socialista de Galicia. Participou nas loitas obreiras de principios de século, polo que foi encarcerado en varias ocasións (folga de tipógrafos de 1904 e folga xeral de 1917). En 1907 mostrouse contrario ao proxecto político de Solidaridad Gallega, promovendo máis tarde un pacto Republicano-Socialista entre PSOE, Unión Republicana e Partido Federal. Foi concelleiro de Vigo entre 1913 e 1928, ano no que presidiu o XII Congreso da UGT en Madrid. Coa chegada da República foi elixido deputado entre 1931 e 1933. Co seu traballo no Congreso loitou pola abolición definitiva dos foros no marco da reforma agraria e noutros feitos puntuais como o estatuto do viño e as exportacións conserveiras. Na convocatoria electoral de febreiro de 1936, a súa postura máis moderada afastouno da candidatura da Frente Popular, aínda que defendeu os seus obxectivos sociais a prol dos traballadores. Cando se produciu o levantamento militar foi detido o 24 de xullo na súa casa, sentenciado a morte o 22 de agosto e fusilado o día 27.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Pontevedra

  • Deceso

    Lugar : Vigo