botánica
(< grβοτανικός ‘relativo ás plantas’)
Parte da Bioloxía que estudia os vexetais, considerados estes de xeito clásico como aqueles seres que medran e viven, pero que non mudan de lugar; abranguería, polo tanto as plantas (con estruturas anatómicas e histolóxicas complexas: briófitas, fentas e espermatófitas), as algas, os fungos e as cianofíceas. O estudo das plantas pódese facer dende puntos de vista moi diferentes: o estudo da forma e aspecto do vexetal constitúe a Sistemática ou Morfoloxía botánica; o da clasificación, a Taxonomía; o dos órganos, a Anatomía; o dos tecidos, a Histoloxía; o do funcionamento dos tecidos, a Fisioloxía; o dos usos, a Etnobotánica. A Botánica tamén trata de explicar as agrupacións vexetais dende a Fitosocioloxía; a distribución polo planeta, dende a Xeobotánica; ou mesmo as plantas fósiles, dende a Paleobotánica. En resumo, a Botánica abrangue o estudo e coñecemento do mundo vexetal dende calquera punto de vista biolóxico (morfolóxico, xenético, bioquímico, etc) ou etnográfico. Aristóteles (384-322 a C) sentou as bases das Ciencias da Natureza caracterizando os grupos botánicos e zoolóxicos. Posteriormente Teofrasto de Éfeso (371-288 a C) clasificou o mundo vexetal en base a caracteres morfolóxicos sinxelos, polo que está considerado como o primeiro botánico; na súa obra describe unhas 500 plantas. Outro naturalista importante na historia da Botánica é Plinio o Vello (23-79 d C) que deixou dedicados ás plantas 16 dos 37 volumes da súa obra Historia Naturalis. Dioscórides, en Peri hyles iatrikes, puxo as bases para o estudo das plantas medicinais. A Idade Media transcorreu sen notables progresos, a excepción das traducións dos clásicos e dalgúns tratados de Agricultura. Non obstante , coa chegada do Renacemento, o espírito científico espertou, sobresaíndo na primera época Cesalpino (1519 - 1603), considerado como o primero clasificador científico (De Plantis, 1583). Co descubrimento do microscopio revolucionouse a cultura científica da época; posterior á observación das células realizada por Hooke (1635-1703), mencionada na obra Micrographia, Grew (1641 - 1712) e Malpighi (1628 - 1694) estableceron a noción de tecido vexetal. É nesta época cando se defende a existencia de sexo nas plantas, idea que será completada a finais do século XVIII por Koelreuter (1733 - 1806). Linné (1707 - 1778), elaborou un sistema de clasificación para as plantas que revolucionou totalmente o mundo da sistemática, a taxonomía e a nomenclatura. Publicou varios traballos entre os que destacan: Systema Naturae (Sistemas naturais, 1735), onde fixo un bosquexo do seu sistema de clasificación e falou por primera vez de plantas criptógamas e plantas fanerógamas, Genera Plantarum (Os xéneros das plantas, 1737), no que describe un bo número de xéneros, e Species Plantarum (As especies das plantas, 1753), que é a obra máis difundida e na que pon a funcionar o sistema de nomenclatura binomial. Nesta última obra crea 24 clases, das que 23 se refiren ás plantas con flores (fanerógamas) e a última a todas as plantas sen flores (criptógamas), isto é fungos, liques, algas, briófitos e pteridófitos. Despois de Linné, outros botánicos continuaron o seu labor establecendo e deseñando novos sistemas de clasificación nos que tiñan en conta novas metodoloxías e novas tecnoloxías. No estado español durante os séculos XVII e XVIII destacan as obras de Quer (1695 - 1764), Cavanilles (1745 - 1804), Lagasca (1776 - 1839) e Rojas Clemente (1777 - 1827), e as expedicións científicas ao continente americano. Foi a finais do século XIX e principios do XX cando Amo y Mora (1809 - 1894) publicou a súa Flora Criptogámica de la Península Ibérica (1870) e Fanerogámica (1871-1873), e cando o galego Colmeiro (1816 - 1901) fixo unha recompilación de todos os traballos anteriores levados a cabo na Península Ibérica e nas Illes Balears. A finais do século XIX comezaron a despuntar en Galicia os traballos botánicos. J. Planellas Giralt publicou a primeira flora fanerogámica galega, na que se inclúen non só nomes de plantas, senón tamén os usos medicinais das mesmas (Ensayo de una flora fanerogámica gallega, 1852). Con anterioridade, o berciano Padre Sarmiento (1682 - 1772), realizou unha serie de traballos adicados á recompilación de voces e formas da lingua galega nos que recollía moitos nomes populares, noticias etnográficas, históricas, folclóricas, toponímicas, etc, relacionadas con vexetais. Entre 1909 e 1912 un frade, o Padre Merino, escribiu unha obra en 3 volumes na que se realiza un catálogo descritivo da maior parte das plantas con flores de Galicia, percorrendo case todo o territorio galego. A partir deste momento, o coñecemento botánico en Galicia estivo asociado á Universidade de Santiago de Compostela, primeiro dende a Facultade de Farmacia e a partir de 1970 tamén dende a de Bioloxía.