boteiro
Personaxe que protagoniza as festas do entroido en Viana do Bolo. O elemento que os caracteriza é unha orixinal máscara, de varios quilos de peso, formada por unha carauta negra tallada en madeira, onde se debuxa un grande sorriso, e unha pantalla frontal que vai colocada por riba da cabeza, construída con arame e cartón, e adornada con figuras xeométricas, fitas e papeis que ofrecen formas e cores variadas. A persoa que leva a pantalla debe saber manter ben o equilibrio e estar en boa forma física para bailar e soportar o seu peso durante horas. O resto do traxe está composto por un pantalón encarnado do que van pendurados uns flocos nas partes laterais, cunha camisa bordada e adornada con fitas de cores. Como complemento leva unha faixa con picos e borlas, e un cinto con campaíñas. É a figura principal do folión, formado por grupos de veciños que van percorrendo a aldea con instrumentos rudimentarios de percusión como aixadas e bombos, marcando un ritmo monótono, continuo e estrondoso; no seu percorrido son convidados a viño, licores e bica. Na zona de Viana do Bolo mantívose esta festa grazas ao seu illamento xeográfico e ao non atender á prohibición desta festa durante a posguerra.