Botswana
Botswana esta baixo un dominio climático tropical no N e subtropical tendente a temperado no resto do país, con invernos suaves e veráns moi quentes. Na capital, Gaborone, situada ao SL do país, a temperatura media anual acada os 19,5°C, rexistrando a máxima no mes de xaneiro (26,1°C) e un mínimo en xullo (12,8°C). As chuvias distribúense segundo un réxime que as concentra entre os meses de decembro e abril: recóllese unha media anual de precipitacións que oscila entre os 700 mm, na zona setentrional, e os 200 mm no SO, no deserto do Kalahari.
Hidrografía
O solo é areoso e moi permeable, aspecto que contribúe a escaseza de augas subterráneas. Os ríos son todos de réxime intermitente. Os máis importantes son o Okavango, o Chobe e o Limpopo. No N, as concas do Okavango e o Makarikari constitúen extensas áreas pantanosas. Ao N hai bosque claro de oleáceas salvaxes, baobabs e acacias. Grandes extensións de sabana fan de transición entre os espiñeiros e as herbeiras do centro e do SO (subdeserto de Kalahari) e o bosque do N. A rexión oriental é a máis fértil, con auga subterránea aproveitable, chuvias e bos solos. Ao NO, a conca do Okavango forma brañas ou lameiros. O S e o centro son o Kalahari propiamente dito. En 1996 estaba protexido o 18,5% do territorio; son salientables os Parques Nacionais de Moreni Wildlife Reserve, Chobe National Park, Nxai National Park, Makgadikgadi Pans Game Reserve, Central Kalahari Game Reserve, Kutse Game Reserve, Mabva Sehube Game Reserve e Gemsbok National Park.
Xeografía económica e economía
Economía
A conxuntura económica de Botswana viuse afectada por factores como a crise asiática, a depreciación da súa moeda e o descenso das cotizacións dos diamantes, principal recurso, que provocou a caída das reservas de divisas. Por outra banda, ten unha gran dependencia de Europa, onde destina grande parte das exportacións de minerais. O crecemento anual entre 1987 e 1997 foi de 7,3%, cunha débeda externa de 562.000.000 $ USA (1991). A renda per cápita en 1997 foi de 7.690 $ USA. As cifras oficiais de desemprego sitúano nun 21% (1997). Aínda que Botswana é un estado subdesenvolvido, en moitos aspectos, grazas á minería é un dos países africanos cun crecemento económico máis alto (7.690 $ USA por habitante en 1997). Son importantes, tamén, os ingresos de mineiros que traballan temporalmente na República Sudafricana. Co obxectivo de mellorar os rendementos da economía, o goberno impulsou sucesivos plans de desenvolvemento dende 1963. A moeda oficial é o pula, dividido en 100 thebes.
Recursos e sectores de actividade
A agricultura de Botswana é pobre (adícaselle unicamente o 3% da superficie) e moi limitada pola escaseza de auga. Cultívase sorgo, paínzo, millo, cítricos e algodón. Ten moita importancia a gandería, sobre todo a bovina, aínda que cómpre controlar a utilización dos pastos para que non se esgoten (ocupan o 58% da superficie). En total, o sector primario ocupa ao 38% da poboación activa. Dende a década de 1970, cando se iniciou a extracción de cobre e níquel nos filóns de Selebi-Pikwe e especialmente de diamantes en Orapa, a minería chegou a ser o primeiro recurso de Botswana. Hai tamén filóns de carbón, ouro, plutonio e manganeso, entre outros. A industria está pouco desenvolvida e os sectores máis importantes son o alimentario, o téxtil e o químico. Obtense enerxía do carbón e da madeira. O sector secundario acolle ao 22% dos traballadores e achega o 45% do PNB. Nos servicios empréganse o 40% dos ocupados.
Transportes e comunicacións
As comunicacións terrestres comprenden 971 km (1995) de liñas férreas e 18.482 km de estradas, dos que só 4.343 km están asfaltados. No que respecta á navegación fluvial, é practicamente nula. Os principais aeroportos están en Francistown e en Gaborone. Doutra banda, comézase a promover o turismo.
Comercio exterior
A balanza comercial é lixeiramente favorable a causa dos diamantes, que constitúen o 80% das exportacións. Os principais clientes son os países europeos, seguidos a moita distancia polos países africanos. Impórtase maquinaria, alimentos, produtos químicos, metais e carburantes. A República Sudafricana, coa que constitúe unha unión aduaneira xunto con Lesotho, Namibia e Swazilandia, é o primeiro provedor, seguido de lonxe polos países europeos.
Xeografía humana
Demografía e poboamento
O crecemento da poboación acadou unha media anual do 1,9% no período (1992-1997). Nos últimos anos a poboación case se triplicou, pasando de 574.000 h en 1971 aos 1.570.000 h estimados en 1998. Este crecemento fundaméntase na dinámica vexetativa: rexistra un crecemento vexetativo superior ao 2,5% (1997); as taxas de natalidade son elevadas (32,3‰) e a taxa xeral de mortalide, reduciuse ata valores propios de sociedades novas con sistemas de saúde eficaces, aínda que a mortalidade infantil permanece en valores elevados (39‰ [1994]). A esperanza de vida ao nacer esta nos 59 anos para os homes e 66 para as mulleres (1993). A densidade media é de 2,8% h km2; pero o 80% da poboación concéntrase na rexión do South East, onde se atopa a cidade de Gaborone (183.487 h [1997]). A poboación urbana representa o 28,1% da poboación total, que se agrupa en pequenas cidades como Francistown (75.678 h [1993]), que é a única cidade xunto coa capital que supera os 50.000 h. A etnia maioritaria é a tswana (75%), que inclúe diversos grupos. Hai tamén shonos (12,4%), sans (3,4%) e khoikhois (2,5%). A lingua oficial é o inglés, o setswana está cualificado como lingua nacional. Aproximadamente a metade da poboación é animista (49%), protestantes (29%) e os católicos o 9%. Existe unha única universidade situada en Gaborone.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Botswana entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa 122º posto cun índice do 0,609). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 47,4 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 74,4% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 70%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 7.690 $ USA.
Goberno e administración
Independente dende o 30 de setembro de 1966, Botswana é unha república multipartidista, con un sistema de goberno presidencialista. O seu territorio divídese en 11 distritos sendo o de maior superficie Centrale con 147.730 km2. O Presidente da República, elixido para un mandato quinquenal mediante sufraxio directo, é o responsable de nomear o vicepresidente. O poder lexislativo recae na Asemblea Nacional (44 membros, 40 elixidos por sufraxio universal) e unha Cámara Consultiva composta por 15 membros, representando as etnias principais e 3 membros do resto. O poder xudicial baséase no dereito europeo; non acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza. Está en vigor a pena de morte. Adheriuse aos seguintes tratados: Convención Sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados; Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Contra a Muller; e Carta Africana de Dereitos Humanos e dos Pobos (1981). Os partidos políticos máis importantes son o Botswana Democratic Party (BDP), de carácter conservador e o Botswana National Front (BNF). Forma parte destes organismos internacionais: Commonwealth, Comunidad para o Desenvolvemento de África do Sur (SADC), ONU e Organización da Unidade Africana (OUA); é membro asociado da Unión Europea.
Historia
Ó longo do s XIX os tswanos enfrontáronse aos sans, aos matabeles e, finalmente, aos bóers. En 1884 foi ocupado polas tropas británicas que lle puxo o nome de Bechuanaland. A parte do N era protectorado británico, administrada por un residente comisionado. A rexión do S integrouse primeiro na colonia do Cabo de Boa Esperanza (1895), e despois en Sudáfrica. No 1950 creouse un consello consultivo de africanos e europeos, con responsabilidades en materia administrativa. A primeira Constitución, promulgada no ano 1960, creaba un consello executivo e un consello lexislativo electo. Iniciáronse en 1963 unha serie de consultas para unha nova constitución que serviría de base xurídica para a independencia. Aprobada a Constitución, en 1965 celebráronse as primeiras eleccións, que gañou o Botswana Democratic Party (BDP) de sir Seretse Khama. Trala proclamación da independencia (30.9.1966), celebráronse novas eleccións que volveu gañar o BPD por maioría absoluta, mantendo unha política antirracista e moderadamente prooccidental. Non obstante , na política interior o goberno mantivo unha política pouco democrática, promovendo enfrontamentos tribais polo trato privilexiado que recibiron os bamangwato, grupo ao que pertencía o Presidente. Trala morte de Seretse Khama (1980) accedeu ao goberno Quett Masire, tamén do BDP. A busca dunha redución da dependencia económica de Sudáfrica, tentando activar o emprego, precipitou a posta en marcha de reformas estruturais. Ata 1989 o país sufriu diversos ataques fronteirizos da República de Sudáfrica na procura de membros do African National Congress (ANC), que se refuxiaban en Botswana, debido ao apoio que este país outorgaba aos opositores ao réxime racista de Sudáfrica. Durante 1994 os escándalos de corrupción ministerial do BPD e de urbanizacións ilegais, levaron os principais partidos da oposición, especialmente o Botswana National Front (BNF), a reclamar reformas no sistema electoral. Nas lexislativas do 15 de outubro de 1994, o BDP sufriu a perda dunha cantidade considerable de votos, aínda que acadou o 53% das papeletas. O Presidente Festus Mogae, anterior ministro de Facenda substituíu interinamente dende o primeiro de abril de 1998 o Presidente Quett K. J. Masire, retirado do poder. O Presidente Mogae enfrontouse, dende novembro de 1998, á chegada masiva de refuxiados namibios que fuxían da represión contra os independentistas. Esta nova situación empeorou as relacións entre Namibia e Botswana, tensas dende había anos por diferencias fronteirizas. O descenso da cotización mundial de diamantes, o principal recurso nacional, unido á crise financeira asiática levou á economía a unha situación na que se rozou o déficit. Esta situación obrigou ao Presidente á presentación dun plan de orzamento económico, Visión 2016, no que se promoverá a creación de industrias manufactureiras e a escolarización gratuíta durante doce anos.