Bougainville

Bougainville

Illa do arquipélago das Salomón Setentrionais que constitúe unha provincia de Papúa Nova Guinea (9.300 km2; 155.600 h [estim 1989]). De orixe volcánica está atravesada de N a S por unha aliñación montañosa que ten o seu cumio no Mount Balbi (3.123 m). Unha chaira litoral esténdese ao SO entre Torokina e Buin. Basea a súa economía na agricultura e no mineral do cobre. Recibiu o nome do explorador francés Louis Antoine de Bougainville, que a descubriu no ano 1768. No ano 1899 pasou a control alemán despois do tratado anglo-alemán, e en 1920 pasou a depender da administración de Australia. Durante a Segunda Guerra Mundial foi ocupada polos xaponeses. Ao remate do conflito volveu co resto da antiga Nova Guinea alemá á administración fiduciaria de Australia, que lle concedeu o autogoberno en 1973. Ao acceder a independencia Papúa Nova Guinea en 1975, Bougainville ficou incluída no novo estado. No ano 1989 principiou as súas actividades bélicas un movemento guerrilleiro independentista. Tralo alto o fogo do 23 de xaneiro de 1998, os representantes do Exército Revolucionario, do goberno provisional de Bougainville e do goberno central, asinaron un acordo de paz que concelle á illa unha ampla autonomía (30.4.1998).