Boullosa, Pedra da
Gravado rupestre localizado na Cerrada de Chaveira, na aba sur do monte Fontenla, na parroquia de Santa Mariña das Fragas (Campo Lameiro). O conxunto, formado por cérvidos, antropomorfos, combinacións circulares e outros motivos xeométricos e unha serpe, constitúe un dos mellores petroglifos da arte rupestre galega. Está gravado sobre un bloque de granito de gran fino de 10 m de longo por 8,5 m de largo. Topograficamente está dividido en tres sectores de diferente altura, sendo o máis alto o central. No sector occidental atópanse diversos motivos xeométricos: cruciformes, combinacións circulares e deseños lineais sinxelos. O conxunto central é o máis abundante en gravados, entre os que salienta a figura dun cérvido, realizado con dúas liñas e estilizado na parte anterior, unido a unha combinación de tres círculos concéntricos cortados por un radio que se prolonga cara ao exterior; sobre este grupo atópase unha escena de caza ou pastoreo composta por unha figura antropomorfa de grande esquematismo que manexa cun dos seus brazos un instrumento rectilíneo e por un grupo de cérvidos que semellan camiñar en ringleira a carón da figura humana. No resto do sector central repítense os cérvidos e outros motivos xeométricos. No sector oriental aparecen diferentes combinacións circulares, cruces e a figura dunha gran serpe plasmada en aparente actitude de reptar pola superficie da rocha de SL a NO de 4,90 m de longo e un largo máximo de 23 cm e mínimo de 13 cm con todo o corpo recuberto por trazos que reproducen a súa pel. Visto no seu conxunto, os motivos máis antigos e típicos están no centro, agás as superposicións intrusivas, e na zona periférica os motivos tardíos, feitos con distinta técnica.