Bóveda

Bóveda
  1. [ONOM]

    Apelido que ten a súa orixe nos topónimos que levan esta mesma denominación. Estes topónimos fan referencia á existencia (actual ou no pasado) dunha construción relixiosa. Documéntase desde o s XI: “Froia de Bovata” (doc ano 1004 en E. Rivas Quintas Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 530).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe orixinaria da vila luguesa do mesmo nome. No escudo da casa-pazo de Bóveda campean os brasóns dos Osorio, Somoza, Goyanes e Ares. As armas desta caste levan escudo cortado: primeira partición, en campo de azul, con tres lises de ouro, colocadas en pao; segunda partición, en campo de azul, con seis dados de prata, colocados en dous paos; bordo de ouro. Empregan tamén escudo partido: primeiro, en campo de azul, con tres lises de ouro, colocadas en pao; segundo, en campo de goles, con seis dados de prata, sen puntear, postos en dous paos de tres cada un. Algunhas armas levan, en campo de goles, unha flor de lis de prata, acompañada de seis dados do mesmo metal, sen puntear, postos en dous paos de tres. Outras fontes traen por brasón dez roeis de goles, en campo de prata, e bordo de azul, con catro leóns e catro coroas de ouro (armas dos Ordoñez).