Bóveda Iglesias, Alexandre
Político. Estudiou Peritaxe Mercantil na Escola de Comercio da Coruña, estudios que compaxinou coas clases que impartía no colexio dos Villares en Ourense. Recibiu tamén clases de debuxo no Círculo Católico e de solfexo na Academia da Banda Municipal. Na súa mocidade colaborou coa Coral Ruada e co Orfeón Unión Orensana. Presentouse ás oposicións de auxiliares de Contabilidade do ministerio de Facenda, para as que acadou o número un en 1924. Foi destinado á delegación de Facenda en Ourense, onde permaneceu catro anos. Tras aprobar a oposición a xefe de Contabilidade foi destinado en 1928 a Pontevedra. Rexeitou a proposta do ministro de Facenda, José Calvo Sotelo, de formar parte do comité de intervención de cambios. En Pontevedra, entrou en contacto con Castelao e Losada Diéguez e participou nas tertulias do café Méndez Núñez. Da man de Castelao entrou a formar parte da Coral Polifónica, onde coñeceu a Amalia Álvarez Gallego, con quen casou o 20 de outubro de 1930. Ese mesmo ano, foi invitado polo Seminario de Estudos Galegos a colaborar no proxecto do Estatuto autonómico e redactou un documento de ingreso adxunto ao anteproxecto de Estatuto de Galiza presentado en 1931. Colaborou con Daniel de la Sota, presidente da comisión xestora da Deputación de Pontevedra, na repartición das cédulas tributarias persoais na provincia. Tamén en 1930, dende o seu posto de director-fundador, puxo a funcionar a Caixa de Aforros de Pontevedra. Foi un dos creadores, o 5 de decembro de 1931, do Partido Galeguista (PG), do que foi secretario de organización, encargándose de ampliar a base do partido. O 3 de xullo de 1932, na Asemblea dos concellos de Galicia, foi elixido para formar parte da comisión encargada de realizar o anteproxecto do Estatuto autonómico. Nunha nova asemblea celebrada en Santiago de Compostela os días 17, 18 e 19 de decembro de 1932, pronunciou un discurso en favor da autonomía que impactou profundamente na sociedade galega. Converteuse no motor de A Nosa Terra que, convertido dende 1932 en boletín do Partido Galeguista, pasou a editarse en Pontevedra en 1934. Foi tamén colaborador doutros xornais como El Pueblo Gallego. A finais de outubro de 1934, por mor da súa militancia política, foi destinado a Cádiz e o 12 de xuño de 1935 a Madrid. O 19 de outubro regresou a Galicia, primeiro a Vigo e despois a Pontevedra. Foi o candidato do PG pola provincia de Ourense nas eleccións de febreiro de 1936 pero non saíu elixido. Participou na campaña electoral previa ao plebiscito do Estatuto de Autonomía do 28 de xuño de 1936. Tras coñecer a sublevación do 18 de xullo, acudiu ao Goberno Civil xunto ao gobernador Acosta Pan para amosar a súa adhesión á República. O día 19 foi levado, xunto cos que alí permanecían, ao cuartel de San Fernando e dende alí á casa do seu sogro. Foi detido en Pontevedra o 20 de xullo. Despois de celebrar o 25 de xullo, o Día de Galicia, foi levado ao monte da Fracha para aplicarlle a lei de fugas; non fuxiu e os gardas levárono á prisión de Ponte Caldelas. Foi trasladado a Caldas de Reis e logo de novo a Pontevedra. Xulgado o 14 de agosto de 1936 e acusado de pertencer ao suposto comité de resistencia do Goberno Civil, foi condenado a morte. Foi fusilado no mencer do 17 de agosto no monte da Caeira (Poio).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ourense -
Deceso
Lugar : Pontevedra