Boyle, Robert
Físico e químico irlandés. Foi membro destacado do Invisible College, que en 1660 pasou a chamarse Royal Society. En 1657 construíu xunto con Robert Hooke unha bomba pneumática baseada nos traballos de Otto von Guericke. Observou que no aire hai un compoñente necesario para a combustión e a respiración, e que o aire é o soporte das ondas sonoras pero que non inflúe sobre os fenómenos eléctricos e magnéticos. Perfeccionou o termómetro de Galileo e adoptou como punto fixo da escala termométrica o de fusión do xeo. En resposta a unha crítica ao seu libro New Experimental Physico-Mechanical touching the Spring of Air and its Effects (Novo experimento psico-mecánico con respecto á fonte do aire e os seus efectos, 1660), describiu a lei de compresibilidade dos gases ou lei de Boyle-Mariotte. Na obra The Sceptical Chemist (O químico escéptico, 1661) opúxose ás doutrinas tradicionais que constituíran a base da Alquimia. Atomista con trazos cartesianos, diferenciou claramente elementos químicos, compostos químicos e mesturas. Definiu os termos ácido e base, e estableceu as bases da Química Analítica Cuantitativa. Illou o fósforo, o hidróxeno e diversos compostos. Foi director da Compañía das Indias Orientais, e subvencionou diversas edicións e traducións da Biblia, entre as que destaca unha en lingua gaélica editada en Irlanda (1680), única versión que existe neste idioma.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Castelo de Lios Mór, Port Láirge -
Deceso
Lugar : Londres